Mirás agarda que os acordos de colaboración con varias escolas de Durham se traduzan en intercambios con estudantes de Oroso.

O alcalde orosán, que participa hoxe na peregrinación que reivindica que o Camiño Inglés comeza en Finchale, valora o esforzo que a Deputación de Coruña está a facer na posta en valor deste itinerario.

Unha representación do Concello de Oroso participa na peregrinación que se está a facer entre as localidades de Finchale e Durham (Reino Unido) para reivindicar que o Camiño Inglés comeza nesta localidade inglesa. Unha delegación encabezada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás; o concelleiro de Cultura, Luís Rey, e a concelleira de Turismo, Vanesa Boo; na que tamén participa o deputado provincial de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior, Antonio Leira, en representación da Deputación da Coruña.

Manuel Mirás amósase moi satisfeito cos contactos realizados durante esta viaxe pois “espero que os acordos de colaboración que tomamos co varios colexios de Durham se traduzan non só en beneficios para o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés senón tamén na posibilidade de realizar intercambios de estudantes entre Durham e Oroso”. Así, a delegación orosá estableceu acordos de colaboración cos colexios de St Godric e St John e, ademais, “tivemos ocasión que reunirnos co novo alcalde de Durham, que foi elixido hai apenas dez días e que aínda nin tomou posesión do cargo pero vexo que hai posibilidades dun bo entendemento”, explica Mirás Franqueira.

A delegación orosá, canda o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participa nestes momentos nunha peregrinación canda outras cen persoas entre as localidades de Finchale e Durham, cuxo obxectivo é reivindicar a abadía de Finchale como o punto de inicio do Camiño Inglés. Neste sentido, Mirás Franqueira valora “o esforzo que está facendo a Deputación Provincial da Coruña para poñer en valor o Camiño Inglés e que traduce hoxe na presenza aquí do deputado provincial Antonio Leira, pero tamén nos múltiples investimentos previstos polo ente provincial nos próximos meses”.

Manuel Mirás agarda que “esta peregrinación serva para darlle un novo impulso ao Camiño Inglés pois, canto mellor funcione, mellor será para todos os municipios coruñeses polos que pasa, especialmente Oroso”.

deseña ASINFO