A Asociación de Concellos do Camiño Inglés instará a Patrimonio a escoitar as demandas dos municipios ante do novo trazado xacobeo.

Os alcaldes reunidos no I Encontro Internacional no Camiño Inglés advertiron dos riscos para os peregrinos de cambiar camiños históricos por beiravías de estradas transitadas.

Coinciden en demandar unha maior implicación das grandes cidades (Santiago, A Coruña e Ferrol) na promoción do Camiño Inglés.

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés dirixirase á Dirección Xeral de Patrimonio para solicitar un encontro no que trasladarlles as queixas dos municipios diante do novo trazado do Camiño Inglés. “Cando a Asociación teña aprobados os seus estatutos loitaremos e dialogaremos por este tema”, comprometeu o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira.

Un compromiso anunciado durante a mesa de alcaldes celebrada esta mañá dentro do programa do I Encontro Internacional no Camiño Inglés, que está tendo lugar no centro cultural de Sigüeiro (Oroso). Unha mesa na que participaron, ademais de Manuel Mirás, os alcaldes de Carral, José Luís Fernández Mouriño; Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro; e Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, así como o edil de Xuventude de Betanzos, Andrés Hermida.

Manuel Mirás puntualizou que “aínda que no caso de Oroso estamos moi satisfeitos co trazado, pois recolleron todas as nosas peticións e o trazado vai por onde tiña que ir, si que nos constan lugares onde non é así, como na veciña parroquia da Barciela. Se a Asociación non entrou antes neste tema foi porque cando se fixo o trazado non existiamos, pero cónstanos que hai descontento en varios concellos por este novo trazado e buscaremos iniciar unha negociación con Patrimonio para ver de solventar este tema”.

Un punto no que coincidiu José Antonio Santiso Miramontes, quen instou á Asociación a “trasladarlle á Xunta este malestar”. No seu caso concreto, explicou que “se pasa de andar por camiños no medio do monte a carreteras moi transitadas, co perigo que iso supón para os peregrinos”. Así mesmo, apuntou que “agardo que haxa unha posibilidade para subsanar estas deficiencias porque, do contrario, o que teremos que facer é pedir que se fagan sendas peonís nesas estradas”.

Pola súa banda, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, amosou a súa disposición a “facer algún itinerario alternativo, como se ten feito no Camiño Francés en Pedrafita. Camiños funcionais que garantan a seguridade viaria”. Un tema que xa é un recurrente neste Encontro, pois tamén foi plantexado ao concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte, na xornada do xoves, na que foi cuestionado polo feito de que a Igrexa da Barciela quedara fóra do trazado oficial do Camiño, xusto cando celebra o seu centenario, e polo feito de que se instara a crucar a N-550 por un punto de escasa visibilidade. Duarte explicou que “plantaxamos que se manteña o trazado histórico pero que poida haber camiños alternativos. Non é algo fácil pero xa llo transmitimos a Patrimonio”.

Falta de implicación das cidades

O outro punto de debate foi a falta de implicación das grandes cidades galegas na promoción do Camiño Inglés. “Estamos facendo un traballo que deberían estar facendo as grandes cidades”, indicou o alcalde de Abegondo, quen insistiu en que “botamos en falta máis apoio das cidades porque é a quen máis beneficia”. Algo que compartiu o alcalde de Pontedeume, quen asegurou que “en Santiago pódese entender esa falta de interese porque teñen o Camiño Francés, pero na Coruña e Ferrol enténdese menos”. Bernardo Fernández Piñeiro indicou que “en A Coruña empeza a haber un pouco máis de receptividade, pero menos en Ferrol, quizais porque están máis centrados na promoción das súas propias cidades”.

Finalmente, Manuel Mirás indicou que “é certo que hai concellos que se preocupan menos pero agardamos poder implicalos e traballen tamén en conxunto na posta en valor do Camiño Inglés”.

Resto da xornada

A xornada do venres 6 de outubro no I Encontro Internacional no Camiño Inglés incluíu as conferencias “Peregrinación y lengua. El Camino Inglés en la Edad Media”, a cargo da doutora Penélope Johnson, da Universidade de Durham (Gran Bretaña); “Peregrinos e peregrinas na Idade Media”, do doutor Miguel García-Fernández, do CSIC; e “Margery Kempe e outras peregrinas do Camiño Inglés”, do doutor Manuel F. Rodríguez, do Xacobeo.

A xornada rematará cun percorrido polo Camiño Inglés ao seu paso polo Paseo do Carboeiro e a colocación dunha placa dedicada a Margery Kempe, a primeira muller peregrina do Camiño Inglés da que se ten constancia documental. Fixo a súa peregrinación no ano 1417, embarcando en Bristol para facer a súa peregrinación a Compostela. Escribiu o “Libro de Margery Kempe” (1438), que está considerado a primeira autobiografía en lingua inglesa.

deseña ASINFO