Manuel Mirás e Nava Castro inauguran o I Encontro Internacional no Camiño Inglés, que reúne a preto de cen persoas en Oroso.

Mañá venres, ás 12:15 horas, terá lugar unha mesa de debate de alcaldes de Concellos polos que pasa o Camiño.

Preto de cen persoas, entre investigadores, estudantes e veciñanza, participan hoxe xoves no primeiro Encontro Internacional no Camiño Inglés, que vén de ser inaugurado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Un encontro que se desenvolverá no centro cultural de Sigüeiro durante a xornada de mañá venres 6 de outubro, con entrada libre e de balde.

Manuel Mirás agradeceu á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña, hoxe representadas por Nava Castro e o deputado provincial de Turismo, Xosé Regueira, a colaboración de ambas institucións para a posta en valor do Camiño Inglés. Mirás insistiu en que “o Camiño Inglés é un diamante en bruto que temos na nosa porta e apostar por el non é só poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural, senón tamén unha interesante oportunidade de negocio”. Neste sentido, exemplificou co feito de que “hai tres anos apenas había un albergue privado en Sigüeiro, hoxe contamos con seis”.

Mirás agradeceu tamén a colaboración da Xunta á hora de sinalizar o Camiño Inglés ao seu paso por Oroso e salientou “a sensibilidade do director do Xacobeo, que atendeu as nosas peticións e agora o Camiño deixou de ir por pistas de concentración parcelaria e xa vai por onde sempre foi, poñendo en valor lugares como a fonte da Santiña”. Ademais, aproveitou a ocasión para solicitar unha maior rapidez á hora de recolocar parte da sinaléctica e ofreceu Oroso como sé para a próxima edición de “Primavera no Camiño”.

Pola súa banda, Nava Castro reafirmou que “o noso compromiso co Camiño é claro” e adiantou que “máis de 10.000 peregrinos do Camiño Inglés recolleron a Compostela a día de hoxe. E sabemos que hai moitos máis que fan o Camiño pero non a piden”. Finalmente, a directora de Turismo de Galicia reafirmou o compromiso da Xunta “coa mellora e sinalización do Camiño”.

Finalmente, Xosé Regueira reiterou a cooperación da Deputación coa Xunta e cos Concellos para a posta en valor do Camiño e, aproveitando a presenza de numerosos alumnos da Escola de Turismo da Coruña, destacou a aposta da Deputación por “facilitar que os Concellos poidan incorporar persoal técnico e formado en Turismo”.

A xornada finalizou coa inauguración da exposición “Olladas ao Camiño Inglés”, unha selección de 34 augatintas de José manuel Yáñez que reflexan os principais elementos patrimoniais do Camiño Inglés e que poderá contemplarse no centro cultural de Sigüeiro ata o 11 de outubro; e cunha degustación gastronómica de troitas de Oroso e tortilla e viño de Betanzos.

Venres

A xornada do venres 6 de outubro abrirase ás 10:30 horas coa conferencia “Peregrinación y lengua. El Camino Inglés en la Edad Media”, a cargo da doutora Penélope Johnson, da Universidade de Durham (Gran Bretaña). Ás 12:15 horas, o alcalde orosá Manuel Mirás impartirá a charla “Que fai Oroso polo Camiño Inglés?”, ao que seguirá unha mesa redonda de alcaldes de municipios polos que pasa o Camiño Inglés. Ademais do alcalde orosán, tamén está confirmada a participación dos rexedores de Carral, José Luís Fernández Mouriño; Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro; e Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes. A xornada da mañá rematará cunha visita ao Centro de Estudos Internacionais do Camiño Inglés (CEICI) e sinatura no seu libro de honra.

Pola tarde, o doutor Miguel García-Fernández, do CSIC, impartirá a conferencia “Peregrinos e peregrinas na Idade Media”; e o doutor Manuel F. Rodríguez, do Xacobeo, falará de “Margery Kempe e outras peregrinas do Camiño Inglés”. A xornada rematará cun percorrido polo Camiño Inglés ao seu paso polo Paseo do Carboeiro e a colocación dunha placa dedicada a Margery Kempe.

Margery Kempe é a primeira muller peregrina do Camiño Inglés da que se ten constancia documental. Fixo a súa peregrinación no ano 1417, embarcando en Bristol para facer a súa peregrinación a Compostela. Escribiu o “Libro de Margery Kempe” (1438), que está considerado a primeira autobiografía en lingua inglesa.

deseña ASINFO