O Concello de Oroso descubre unha placa conmemorativa da peregrinación realizada por Margery Kempe hai seiscentos anos.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, descubriu unha placa conmemorativa da peregrinación realizada por Margery Kempe no ano 1417, coincidindo co seiscentos aniversario do seu paso polo municipio. A placa, colocada a carón do Punto de Información ao Peregrino do Camiño Inglés, foi descuberta no marco do primeiro Encontro Internacional no Camiño Inglés, celebrado no centro cultural de Sigüeiro.

Manuel Mirás estivo acompañado polos concelleiros de Turismo, Antonio Leira, e Ensino, Beatriz Rodeiro, así como por medio cento de alumnos e alumnas da Escola Universitaria de Turismo CENP de A Coruña, e os doutores Miguel García-Fernández, Manuel F. Rodríguez e Penélope Johnson, poñentes no encontro.

Margery Kempe é a primeira muller peregrina do Camiño Inglés da que se ten constancia documental. Fixo a súa peregrinación no ano 1417, embarcando en Bristol para facer a súa peregrinación a Compostela. Escribiu o “Libro de Margery Kempe” (1438), que está considerado a primeira autobiografía en lingua inglesa.

O Concello de Oroso dedicou o ano 2017 á figura de Kempe, editando unha unidade didáctica que se repartiu entre o alumnado orosán e organizando un concurso de redacción, “Escríbelle unha carta a Margery Kempe”, promovido dende o Centro de Estudos e Investigacións do Camiño Inglés.

deseña ASINFO