O Concello de Oroso apoia a iniciativa que pretende declarar o Camiño Inglés como Patrimonio da Humanidade.

O alcalde, Manuel Mirás, e membros da corporación recibiron hoxe a Real Orde de Cabaleiros de María Pita, que mañá culmina a súa peregrinación polo Camiño Inglés entre A Coruña e Santiago.

O Concello de Oroso valora e apoia a iniciativa da Real Orde de Cabaleiros de María Pita que pretende a declaración do Camiño Inglés como Patrimonio da Humanidade. O alcalde, Manuel Mirás, e varios integrantes da corporación, recibiron este mediodía o grupo de peregrinación desta entidade, que partiu o pasado venres da Coruña e rematará mañá coa chegada a Santiago.

Mirás, como alcalde de Oroso e como presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, manifesta que “somos conscientes de que esta é unha iniciativa de moito percorrido, pero aplaudímola porque nos parece que se sitúa na liña de protexer e promover o Camiño Inglés que o Concello de Oroso impulsa desde hai anos”. Un dos exemplos máis recentes desta acción municipal é a edición da guía ‘Descrición do Camiño Inglés da Coruña a Compostela’, de Manuel Pazos e Trese Barton. As persoas que participan na peregrinación que chegou hoxe a Oroso recibiron do Concello cadanseu exemplar.

O concelleiro de Patrimonio e Turismo de Oroso e deputado provincial, Antonio Leira, confirmoulle ao lugartenente da Real Orde de Cabaleiros de María Pita, Joaquín Nebot, que mañá martes, na chegada da peregrinación a Santiago, acompañará á entidade na Misa do Peregrino na Catedral, onde o mestre da Real Orde se encargará da ofrenda.

Trixésimo aniversario da declaración de Camiño Cultural Europeo

A peregrinaxe realízase co gallo do trixésimo aniversario da declaración do Camiño de Santiago como primeiro Camiño Cultural Europeo polo Consello de Europa. A iniciativa da Real Orde de Cabaleiros de María Pita ten como finalidade a declaración como Patrimonio da Humanidade do Camiño Inglés “pola súa gran relevancia histórica e como un dos camiños que, tradicionalmente, conduciron os peregrinos ata Santiago de Compostela”.

A peregrinación partiu desde a igrexa de Santiago, na Cidade Vella da Coruña, o pasado venres ás 19:30 horas. Nos primeiros metros de percorrido, estivo acompañada polo alcalde da cidade herculina, Xulio Ferreiro, e por unha representación da Deputación da Coruña. Nesa xornada chegaron ata O Burgo (Culleredo), desde onde partiron o sábado para completar as tres etapas que levan os participantes ata Compostela.

deseña ASINFO