O Concello de Santiago asina a acta fundacional da Asociación de Concellos do Camiño Inglés.

Mirás confía en que nas próximas semanas se sumen á asociación os Concellos de A Coruña, Culleredo e Cambre.

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e alcalde de Oroso, Manuel Mirás, salienta “a implicación do Concello de Santiago coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés, como demostra o feito de que vén de asinar a acta fundacional da entidade xa que non puido estar representado formalmente en Carral o pasado 20 de xuño, data de nacemento da asociación”. Mirás Franqueira confirma que “Santiago ten aprobada en pleno a súa adhesión á asociación e chamaron para desculpar a súa ausencia en Carral por motivos de axenda, pero a súa implicación coa iniciativa é total”.

Ademais de asinar a acta fundacional da Asociación, o Concello de Santiago confirmou tamén que estará representado nela polo concelleiro de Urbanismo, Jorge Duarte. Así mesmo, Mirás Franqueira confía na próxima incorporación á Asociación de Concellos do Camiño Inglés dos municipios de A Coruña, Culleredo e Cambre. “Xa nos amosaron a súa vontade de entrar, se ben non poderán asinar a acta fundacional porque non tiñan aprobada a súa adhesión antes da fundación da asociación”, explica Manuel Mirás.

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés indica que mesta primeira semana de vida da entidade o traballo centrouse no traspaso de documentación procedente do Concello de Carral, municipio que se encargou de todo o traballo administrativo para a constitución da asociación. “Ao longo da próxima semana empezaremos a falar entre os representantes para convocar a primeira reunión de traballo”, explica Manuel Mirás.

Deste xeito, a acta fundacional da Asociación de Concellos do Camiño Inglés foi asinada polos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago. Agárdase que se sumen en breve os municipios de A Coruña, Culleredo e Cambre. A primeira Xunta Directiva da asociación está presidida polo Concello de Oroso, na persoa do seu alcalde. A Vicepresidencia ocúpaa o Concello de Ordes, mentres que a Secretaría é para o Concello de Betanzos e a Tesourería para o de Carral. Os municipios de Mesía, Pontedeume e Narón levan as tres vogalías creadas.

deseña ASINFO