Veciños, hostaleiros e comerciantes de Oroso debaten sobre as potencialidades do Camiño Inglés para a economía do municipio.

O xornalista Cristóbal Ramírez lembrou que “o Camiño xa morreu unha vez e resucitou. Tratemos ben ao peregrino e coidemos este patrimonio porque pode volver a pasar”.

“É un diamante en bruto que pode dar moito a todo o pobo xa que é unha oportunidade de negocio para os distintos sectores económicos de Oroso”. Así describiu o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, as potencialidades do Camiño Inglés durante un acto divulgativo desta Ruta Xacobea organizado pola Deputación da Coruña e o Concello de Oroso no centro cultural de Sigüeiro. Unha xornada que correu a cargo de Cristóbal Ramírez, xornalista e divulgador do Camiño Inglés, quen foi presentado por Antonio Leira, concelleiro de Turismo e deputado provincial.

Leira Piñeiro agradeceu a participación de Cristóbal Ramírez, “veciño e ademais o mellor coñecedor do Camiño Inglés, o que máis medra de todas as rutas xacobeas e que superou os 10.000 visitantes no último ano. Agora que se pode conseguir a Compostela dende a A Coruña, agardamos que a afluencia se incremente aínda máis”.

O concelleiro indicou que “o Camiño mestura relixión e turismo, polo que reúne a xente moi diversa. Temos boa materia prima, somos xente afable que sabe acoller aos visitantes. Temos unha riqueza patrimonial, cultural e paisaxística importante... O Camiño é un tesouro que temos que mimar e coidar”. Neste sentido, o concelleiro celebrou a presenza de máis de sesenta persoas, entre veciños, hostaleiros e comerciantes do municipio. “Temos un camiño apaixoante por diante e temos que camiñar unidos”, apuntou Leira Piñeiro, quen indicou que “todo depende de nós”.

Coidar o Camiño

Un punto no que coincidiu Cristóbal Ramírez, quen lembrou que “o Camiño xa morreu unha vez (cando se ocultaron os restos do Apóstolo para protexelos da invasión do pirata Drake e se perderon), e resucitou. Tratemos ben ao peregrino e coidemos este patrimonio porque pode volver a pasar”. Ramírez indicou que “o ano pasado se serviron máis de 10.000 ceas e máis de 10.000 almorzos no Camiño. Isto é tamén unha fonte de riqueza e boa proba delo é que se están abrindo albergues”.

Cristóbal Ramírez, quen recoñeceu ter dado “máis de cen conferencias, dende Laponia ata Estados Unidos”, recoñeceu que “xogar en casa prexudica, pois nunca estiven tan nervioso”. Aínda así ofreceu unha charla sobre as características e a orixe da tradición Xacobea e, concretamente, do Camiño Inglés. Unha conferencia trufada de moitas anécdotas que gustaron moito entre os presentes, dende a posibilidade de facer peregrinacións por encarga ata coñecer o “menú” máis habitual no Camiño Inglés. “Os peixes máis comidos eran o congro, o polbo, a lagosta e o salmón. Pan e viño augado, con total ausencia de pataca”, apuntou Cristóbal Ramírez, quen ante a sorpresa dos presentes tivo que puntualizar que a lagosta non era daquela o manxar que é hoxe, senón que se consideraba algo propio da xente con menos recursos. “En cambio, se alguén poñía pementa na mesa, iso considerábase un signo de distinción e poder económico”, apuntou o xornalista.

Unha cuestión, a dos menús dos peregrinos, sobre a que tamén disertou María Varela, propietaria da casa de turismo rural A Parada das Bestas (Palas de Rei). Varela puxo o exemplo de Palas de Rei como un espello no que poden mirarse os hostaleiros e comerciantes de Oroso. “Case todo o pobo vive dos peregrinos e medramos un 80% grazas a eles. Para nós a temporada alta é de maio a outubro. E en maio temos unha ocupación do 85%”, exemplificou.

O acto pechouse cunha degustación dunha torta de garavanzos con queixo e viño de Betanzos. “O garavanzo era moi barato, nutritivo e se conservaba moi ben”, explicou María Varela, que explicou que resultaba máis económico que o pan de trigo.

deseña ASINFO