O Concello de Oroso recibe a un ilustre peregrino polo Camiño Inglés: o lendario xogador de baloncesto grego Nikos Galis.

Mañá xoves 25 de maio, ás 11:15 horas, visitará aos nenos e nenas do CEIP do Camiño Inglés.

O Concello de Oroso recibiu esta tarde a visita dun ilustre peregrino polo Camiño Inglés: o lendario xogador de baloncesto grego Nikos Galis, que chegou a Sigüeiro da man da iniciativa “El Camino acaba en Obradoiro”, promovido polo Obradoiro CAB e que conta coa colaboración do Concello de Oroso, a Deputación da Coruña, o Xacobeo, Río Natura Monbús e a Obra Social “La Caixa”. Galis foi recibido no Paseo do Carboeiro polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, acompañado polo deputado provincial e concelleiro de Urbanismo, Antonio Leira, e a concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro.

Durante o percorrido ata a praza Isaac Díaz Pardo, Manuel Mirás aproveitou para explicarlle a Galis as características principais do municipio, dende os seus ríos ata o feito de ser un dos municipios cunha poboación máis nova en Galicia, pasando pola gastronomía local e a troita en particular, pois o ex-xogador estaba sorprendido pola Gran Verbena que o Concello de Oroso vai celebrar esta noite coas orquestras Panorama e Atenas, que fora aprazada no seu momento polas adversas condicións meteorolóxicas.

Mañá xoves 25 de maio, ás 11:15 horas, Nikos Galis e Manuel Mirás achegaranse ata o CPI do Camiño Inglés para que os nenos e nenas teñan a ocasión de coñecer a unha das figuras máis importantes do baloncesto internacional de finais do século pasado. Despois, sairá a realizar a última etapa do Camiño Inglés ata a Praza do Obradoiro.

deseña ASINFO