Oroso, protagonista nun capítulo da serie internacional "Turismo Rural no Mundo" para Televisión Española.

O Concello de Oroso foi un dos paraxes elixidos para a nova tempada de ‘Turismo Rural no Mundo’, unha coproducción internacional de RTVE e Orange dirixida polo realizador e periodista Juan Frutos que se estreará en xaneiro de 2019.

A serie documental viaxa por lugares que van dende Colombia a Xapón amosando a súa faciana máis rural: viaxes máxicas pola historia, a gastronomía e as ofertas de lecer.

O Camiño Inglés ao seu paso por Oroso aparecerá nun dos programas, dedicado a Galicia. Na súa estancia no municipio, os responsables da coproducción grabaron imaxes na zona de Carboeiro e viron en primeira persoa o auxe da ruta de peregrinaxe no concello, impulsado polo grupo de goberno socialista liderado por Manuel Mirás.

O Concello de Oroso ten desde hai anos un papel moi activo en todo o referente ás peregrinacións, ata o extremo de abrir o único centro do mundo dedicado ao estudo deste sendeiro medieval: o CEICI, Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés.

“É unha honra para o noso concello saír nun programa destas características, cunha difusión que servirá para promocionar o municipio e os seus atractivos de patrimonio natural e gastronomía”, sostén o concelleiro de Turismo, Antonio Leira.

Á marxe desta grabación, o próximo venres, día 19 de outubro, o Concello de Oroso organiza na Casa da Cultura o II Encontro Internacional no Camiño Inglés.

deseña ASINFO