O Concello de Oroso será distinguido cun dos galardóns dos Premios Camiño de Santiago 2016, convocados por Turismo de Galicia para premiar as iniciativas públicas e privadas destinadas a avanzar na mellora do Camiño de Santiago, aumentar a sensibilidade cidadá en relación cos valores do Camiño e estimular o coñecemento do seu patrimonio xeral. Un premio que o Concello orosá recibe pola posta en marcha do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI) e todas as actividades realizadas nos seus primeiros seis meses de vida.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, amosou a súa satisfacción por que “este premio é un recoñecemento ao intenso traballo que estamos facendo en Oroso para promover o Camiño Inglés e que comeza a dar os froitos máis ou menos agardados”. Neste sentido, Mirás sitúa a visita dunha delegación de alumnos de varios colexios de Durham (Inglaterra), que terá lugar o próximo 18 de outubro.
Esta visita é froito dunha viaxe realizada polo Concello de Oroso a esta localidade británica para promover a abadía de Finchale como inicio do Camiño Inglés e contactar con varios colexios británicos para realizar intercambios de estudantes entre Oroso e Durham. “Non só estamos traballando na promoción do Camiño Inglés, senón que tamén apostamos por que deixe de ser o máis curto dos Camiños Xacobeos, pois o seu inicio está en Finchale”, explica o alcalde orosán.
O Concello de Oroso foi distinguido co segundo premio na categoría destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentadas polos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas polas que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago. O premio ascende a 5.000 euros.
Oitenta consultas ao mes
O CEICI, emprazado no centro cultural de Sigüeiro, é unha iniciativa do Concello de Oroso dirixida a investigadores sobre o Camiño Inglés, xa que conta cun importante fondo bibliográfico e audiovisuais sobre esta ruta Xacobea. Ademais dos máis de 200 documentos cos que naceu o CEICI (achegados polo Concello, o Xacobeo, centros de ensino e particulares), nestes primeiros meses de actividade o Concello de Oroso destinou recursos a localizar todas as publicacións referentes ao Camiño Inglés, contando coa colaboración de persoas individuais que mesmo cederon títulos que se atopaban esgotados.
Así mesmo, o CEICI incorporou 852 fotografías de alta definición sobre o Camiño Inglés e comezou a recoller vídeos curtos sobre a materia. Uns materiais que están a disposición dos investigadores de maneira gratuíta. Así mesmo, o Concello de Oroso realizou unha selección de informacións en revistas e xornais sobre o Camiño Inglés, que foron catalogadas e ás que se pode ter acceso no local no centro cultural de Sigüeiro.
En total, ao longo dos seus seis primeiros meses de vida, o CEICI recibiu un total de 332 peticións de información e documentación procedentes de universidades galegas como de investigadores particulares e centros británicos como as universidades de Durham, Leicester ou Lancaster. De feito, a media de peticións de información estabilizouse nos últimos meses en máis de 80 consultas por mes.
Proxección internacional
Ademais, durante este primeiro medio ano de vida, o CEICI apostou claramente pola súa proxección internacional, participando da man de Turismo de Galicia en FITUR primeiro, e realizando intercambios coa Universidade de Durham. Así, en xaneiro de 2015 visitaba o CEIC a doutora Penélope Johnson, profesora da Universidade de Durham; e en xuño de 2016 unha delegación orosá, encabezada polo alcalde Manuel Mirás, viaxou a Inglaterra para participar na recuperación das peregrinacións entre a abadía de Finchale e Durham. Mirás aproveitou a ocasión para manter distintas reunións de traballo con varios colexios de Durham que se traducirán non só en beneficios para o CEICI, senón tamén na posibilidade de realizar intercambios de estudantes entre Oroso e esta localidade británica.
Por outra banda, o Concello de Oroso convocou o I Certame Internacional do Camiño Inglés, con nove premios en tres categorías: investigación, diarios de peregrinos e divulgación. Os gañadores foron investigadores das universidades de Lancaster e Santiago de Compostela. Un certame cuxa segunda edición será convocada nas próximas semanas.
Turismo de Galicia distingue ao Concello de Oroso nos Premios Camiño de Santiago pola posta en marcha do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI).
Manuel Mirás destaca que “este premio é un recoñecemento ao intenso traballo que estamos facendo en Oroso para promover o Camiño Inglés e que comeza a dar os seus froitos”.
2016-09-22