O Concello de Oroso consegue un Obradoiro de Emprego para acometer a segunda fase do Paseo Fluvial do Rego Carboeiro.
Este obradoiro conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros, terá unha duración de doce meses e empregará a corenta desempregados do municipio.
Contará con catro especialidades (albanelería, cachotería, xardinería e carpintería) e dará comenzo en setembro.
O Concello de Oroso vén de conseguir un obradoiro de emprego, denominado “Paseo Fluvial Rego Carboeiro, Fase II”, para acometer a recuperación ambiental de 30.000 metros cadrados situados na maxe dereita do río Carboeiro. Un proxecto orzamentado en máis de 1,1 millóns de euros, dos que o Concello de Oroso aportará 287.000 euros e o resto será financiado pola Consellería de Traballo.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asegura que esta nova escola obradoiro “vai supoñer unha transformación definitiva de Sigüeiro nun magnífico lugar para vivir, con amplas zonas verdes e de lecer”. Ademais, destaca o feito de que este obradoiro dará traballo a un total de corenta persoas, cinco máis co anterior, que serán seleccionadas a principios do mes de setembro entre os desempregados e desempregadas do municipio.
O obradoiro de emprego “Paseo Fluvial Rego Carboeiro, Fase II” dará comenzo arredor do 15 de setembro e terá unha duración de doce meses. Contará con corenta alumnos divididos en catro especialidades: albanelería, cachotería, xardinería e carpintería. Manuel Mirás destaca que “este ano temos a gran novidade de contar coa especialidade de carpintería, o que nos permitirá afrontar traballos de mellora do entorno”.
Gran zona de lecer
Con este novo obradoiro de emprego, Sigüeiro contará dunha gran zona de lecer de 60.000 metros cadrados en pleno centro da vila. Así, quedarían outros 100.000 metros cadrados dos sectores das áreas de reparto 2 e 3 “que quedarían para un futuro terceiro e cuarto obradoiro de emprego, xa que este é un proxecto a medio prazo”, explica Mirás Franqueira.
Durante a execución deste obradoiro de emprego, o Concello de Oroso fomentará o aproveitamento de todas as especies arbóreas autóctonas da zona, tal e como se fixo na primeira fase do proxecto. Por iso, traballarase especialmente con especies como carballos, salgueiros e ameneiros xa que se trata dunha área de gran variedade e riqueza arbórea.
Recoñecementos para a primeira fase
Esta segunda fase do obradoiro de emprego “Paseo Fluvial Rego do Carboeiro” vén a completar o traballo rematado en xuño de 2007 polo anterior iniciativa. Un obradoiro no que participaron 35 persoas, 20 mulleres e 15 homes, que fixeron un importante traballo de recuperación dun entorno privilexiado do municipio como é o entorno do Río Carboeiro. Un proxecto que mesmo foi visitado o pasado mes de outubro por unha delegación de representantes portugueses e asturianos do programa Eco-Red, un proxecto de cooperación transnacional que ten como obxectivo establecer iniciativas para a promoción turística e cultural das rexións participantes.
Nese primeiro obradoiro, o Concello de Oroso investíu arredor de 100.000 euros en gastos de materiais de consumo para formación, material de oficina ou subcontratación de maquinaria. Ademais, contou cunha subvención da Consellería de Traballo que chegou aos 664.000 euros. Na segunda fase do proxecto, a Consellería de Traballo investirá 818.000 euros, mentras que a aportación municipal ascenderá a 287.000 euros.