Manuel Mirás

O Concello de Oroso reúnese cos presidentes das comunidades de veciños de Porto Avieira para buscar unha solución á urbanización.


Manuel Mirás amosa a súa satisfacción “polo inicio dunha vía de diálogo cos lexítimos representantes dos veciños”, que agora trasladarán aos veciños das distintas comunidades o tratado neste primeiro encontro.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, reuniuse cos presidentes das comunidades de veciños de Porto Avieira para tratar de buscar entre todos unha solución conxunta que resolva os problemas existentes nesta urbanización, herdados do anterior equipo de Goberno. Manuel Mirás amosouse moi satisfeito con este primeiro encontro xa que supón “o inicio dunha vía de diálogo cos lexítimos representantes dos veciños de Porto Avieira”.

Neste sentido, Mirás Franqueira expresou a súa preocupación polo cariz que está a tomar a situación en Porto Avieira “polas manifestacións de varios veciños que, movidos por un trasfondo político, están a magnificar e esaxerar as cousas, o que non beneficia a ninguén, nin sequera aos propios promotores desas movilizacións”. Unha política da esaxeración que quedou patente onte mesmo, cando se denunciou un inexistente verquido de augas fecais ao río Tambre cando a realidade é que esa pequena fuga non chegou ao río e foi atallada de inmediato polos técnicos de Aquagest, que acudiron esa mesma tarde-noite á zona acompañados por persoal do Concello de Oroso.

O alcalde de Oroso considera que o encontro, celebrado na noite de onte martes no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa (Sigüeiro), é o primeiro paso de cara á apertura dun diálogo conxunto que permita resolver unha situación herdada e complexa. Pola súa banda, os presidentes das comunidades de veciños de Porto Avieira convocarán nos vindeiros días xuntas de veciños para informarlles aos seus representados sobre o contido desta primeira reunión co Concello e trasladarlles as medidas que se van tomar na urbanización.

Así mesmo, Mirás Franqueira asegura que o Concello de Oroso vería con bos ollos a creación dunha asociación de veciños en Porto Avieira, para poder así ter un interlocutor lexítimo co que buscar accións conxuntas que permitan resolver a problemática desta urbanización. O alcalde de Oroso estivo acompañado nesta reunión polo concelleiro de Relacións Veciñais, Eduardo Veiras, e por persoal técnico do Concello, entre os que figuraban o secretario e o arquitecto municipais, así como o equipo xurídico.