A Deputación investirá 500.000 euros en obras de abastecemento e saneamento en Oroso.
O alcalde, Manuel Mirás, asegura que un dos obxectivos do seu goberno é “achegar o abastecemento de auga a todas as parroquias”.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Pablo Villamar, anunciou esta mañá en Oroso unha partida de 500.000 euros para a realización de investimentos en obras de abastecemento, saneamento e recuperación ambiental no municipio. “Espero que estas obras sexan da maior utilidade para os veciños e veciñas deste municipio e que se fagan realidade o antes posible”, apuntou Villamar.
Un anuncio que foi celebrado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen asegurou que “o tratamento das augas é prioritario para Oroso” e que o seu obxectivo “é achegar o abastecemento de auga a todas as parroquias, empezando por aqueles lugares onde haxa unha maior necesidade”. Neste sentido, Mirás Franqueira lembrou que “nestes meses estamos a rematar unha importante obra de abastecemento
de augas para as localidades de Sigüeiro, Oroso, Trasmonte e Deixebre por un importe de 670.000 euros e que dará servizo a unhas 2.200 persoas”.
Pola súa banda, o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Xosé Manuel Pérez, explicou que o Concello de Oroso fará unha aportación de 50.000 euros, correspondente ao 10% da partida disposta pola Deputación provincial. “Nuns días anunciaremos as obras escollidas e cando poden comezar as obras”, apuntou Pérez Penas.