Manuel Mirás espera poder levar o abastecemento de auga ao centro de todas as parroquias de Oroso antes de 2010.
O presidente provincial e o alcalde de Oroso inauguraron a primeira fase do abastecemento de Senra e Cardama.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, anunciou esta mañán a intención do seu goberno de “levar o abastecimiento de auga ao centro de todas as parroquias de Oroso no 2010, e despois proceder á súa distribución a todos os núcleos de poboación do municipio”. Así o puxo de manifesto o alcalde orosán durante a inauguración, por parte do presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, da primeira fase do abastecemento de auga a Senra e Cardama.
Manuel Mirás amosou o seu agradecemento á Deputación polos investimentos que está a realizar en Oroso e asegurou que “esta traída de augas era unha reivindicación dos veciños, que levaban moito tempo pedindo e que, grazas á colaboración entre o Concello e a Deputación, hoxe xa é unha realidade”. De feito, este mesmo mércores entrou en funcionamento a rede de distribución de auga a Senra e Cardama, un proxecto executado pola Deputación Provincial, que investiu máis de 261.000 euros nunha obra que “sin dúbida contribuirá a mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños, que é o que debe ser o obxectivo das administracións públicas”, manifestou o presidente provincial.
Manuel Mirás e Salvador Fernández Moreda protagonizaron o acto de posta en funcionamento da rede de abastecimento de auga de Senra e Cardama co descubrimento dunha placa no depósito de distribución e a apertura dun grifo na escuela unitaria de Baiuca. Moreda eloxiou ao goberno orosá pola execución de proxectos que “contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños”. Así, o presidente provincial lembrou que hai catro anos asistiu á inauguración do abastecemento de auga doutras parroquias de Oroso, cunha rede de 17 quilómetros, e “hoxe inauguramos ésta que ten máis de seis quilómetros de tubería, téndose construido tamén unha estación de bombeo e un depósito de distribución”.
Así mesmo, o alcalde de Oroso asegurou que o próximo proxecto será levar o abastecemento a Cardama, Ánxeles, Calvente, San Román de Pasarelos e Marzoa. Un proxecto que espera sairá adiante grazas ao apoio da Consellería de Medio Ambiente, que aportará 200.000 euros, e da Deputación da Coruña, que recentemente lle concedeu ao Concello de Oroso unha axuda de 536.000 euros a través do Plan de Cooperación cos Concellos.
Obras realizadas
As obras realizadas con estes 261.000 euros procedentes da Deputación da Coruña incluiron a construción dunha estación de bombeo en Senra, directamente entroncada ao depósito existente e cunha potencia de 12 Kw. Así mesmo, instalouse unha tubería de impulsión dunha lonxitude de 6.228 metros e cun diámetro de 125 mm que enlaza este depósito co novo depósito regulador de Petón. A rede de distribución de auga potable quedou preparada de cara a unha futura ampliación.
Finalmente, construiuse un depósito de regulación e almacenamento, cunha capacidade de 163 m3, e instalouse un sistema de telexestión e telecontrol, que permite realizar un control dos parámetros máis significativos do sistema de abastecemento de auga e coñecer as concentracións de cloro libre residual nos puntos máis significativos da rede de distribución ou nos caudais abastecidos a un determinado sector.
Travesía da Grabanxa
Así mesmo, o presidente provincial e o grupo de Goberno de Oroso comprobaron o grado de execución da travesía da Grabanxa, no que a Deputación inviste 378.000 euros e cuios traballos finalizarán nun prazo aproximado de dous meses. Unhas obras que inclúen a execución de beirarrúas e aparcamentos en ambas marxes do vial nun tramo duns catrocentos metros, entre os puntos quilométricos 0,760 e 1,100.
Ademais, as obras contemplan a reposición dos servizos de sumidoiros, captación de pluviais e rede de abastecemento de auga. Así mesmo, instalarase o alumeado público en toda a travesía.