Manuel Mirás

Sigüeiro acolle a presentación da guía turística do Concello de Oroso.


Trátase dunha guía de 130 páxinas da que se editaron 3.500 exemplares en galego, castelán e inglés.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, presentará mañá martes, ás 20:30 horas, a nova guía turística do municipio. Un acto que terá lugar no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro e ao que están invitados representantes do sector turístico galego, así como veciños e veciñas do municipio.

O Concello de Oroso editou un total de 3.500 exemplares desta guía, que estarán dispoñibles en oficiñas de turismo e en distintos puntos estratéxicos de toda Galicia para dar a coñecer a riqueza natural e cultural de Oroso e conseguir atraer así a un maior número de visitantes, tanto da comarca como de fóra dela.

Esta guía turística, editada a todo color, estará dispoñible en tres linguas: galego, castelán e inglés. Cun tamaño A5 (é dicir, 22 centímetros de alto por 15 centímetros de ancho), trátase dunhas guías moi visuais, nas que a fotografía prima sobre o texto. Unhas grandes imaxes que recollen os atractivos paisaxísticos e culturais do municipio, así como planos das distintas rutas turísticas recomendadas.

Os textos desta inclúen unha breve reseña dos datos xerais do municipio (situación, demografía…) e un pequeño percorrido pola historia de Oroso. A maior parte da guía está adicada a facer unha análise dos distintos elementos turísticos que caracterizan ao municipio, tanto a nivel natural coma patrimonial. Así mesmo, inclúe un detallado análise das distintas rutas de sendeirismo existentes no municipio, facendo fincapé na ruta do Camiño Real ou Camiño Inglés. Tamén se detallan outras dúas rutas, a dos Muiños e a do Tambre, con textos indicativos da ruta e imaxes do que nos atoparemos en cada unha delas.

A guía complétase con outros datos de interese coma unha pequena guía telefónica dos servizos e establecementos hostaleiros do municipio, así coma un breve resumo das distintas festas que se celebran nas parroquias de Oroso.