Manuel Mirás presenta a primeira Guía Turística do Concello de Oroso.
Trátase dunha guía de 130 páxinas, a todo color, da que se editaron 3.500 exemplares en galego, castelán e inglés.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, presentou esta tarde a primeira guía turística que se edita sobre o municipio orosán. Un acto no que estivo acompañado por representantes do sector turístico galego, membros da corporación municipal, así como por veciños e veciñas do municipio.
Manuel Mirás considera que esta primeira guía do concello de Oroso servirá “para dar a coñecer a beleza natural e toda a riqueza cultural e patrimonial desta terra”. De feito, o Concello de Oroso editou un total de 3.500 exemplares desta guía, que estarán dispoñibles en oficinas de turismo e noutros puntos estratéxicos de toda Galicia (como locais de hostalería ou gasolineiras) para divulgar as excelencias do municipio e conseguir así atraer a un maior número de visitantes, tanto da comarca coma de fóra dela.
Manuel Mirás amosouse moi satisfeito coa imaxe do concello que proxecta esta guía e mesmo anuncia que “nun futuro próximo faremos unha nova guía, nesta ocasión máis pequena e de uso comercial, que se poida adquirir nas librerías”. Así mesmo, o Concello de Oroso tamén prevé realizar tamén unha guía rápida, cun plano do municipio no que se recollan os atractivos turísticos máis interesantes para os visitantes.
Características da guía
A primeira guía turística de Oroso, que foi editada a todo color, está dispoñible en tres linguas: galego, castelán e inglés. O Concello de Oroso editou un total de 3.500 exemplares, dos que 2.000 están en galego, 1.000 en castelán e outros 500 en inglés. Ao longo das súas 130 páxinas, dun tamaño A5 (é dicir, 22 centímetros de alto por 15 centímetros de ancho), a fotografía prima sobre o texto. Unhas grandes imaxes, realizadas polos fotógrafos Antonio Matías e Luis Alonso Ocaña, que recollen os atractivos paisaxísticos e culturais do municipio, así como planos das distintas rutas turísticas recomendadas.
Os textos elaborados por Manuel Pazos Gómez e José Luis Varela Fernández inclúen unha breve recensión dos datos xerais do municipio (situación, demografía…) e un pequeno percorrido pola historia de Oroso. A maior parte da guía está dedicada a facer unha análise dos distintos elementos turísticos que caracterizan ao municipio, tanto a nivel natural coma patrimonial. Así mesmo, inclúe un detallado percorrido polas distintas rutas de sendeirismo existentes no municipio, facendo fincapé na ruta do Camiño Real ou Camiño Inglés. Tamén se detallan outras dúas rutas, a dos Muíños e a do Tambre, con textos indicativos da ruta e imaxes do que nos atoparemos en cada unha delas.
Esta guía complétase con outros datos de interese como unha pequena guía telefónica dos servizos e establecementos hostaleiros do municipio, así como un breve resumo das distintas festas que se celebran nas parroquias de Oroso.
Esta primeira guía turística de Oroso foi editada polo Concello, que contou coa colaboración da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a través do programa Leader +, e da Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes (ASDECOMOR).