Manuel Mirás representará á FEGAMP na xunta de goberno de Augas de Galicia.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, acaba de ser nomeado representante titular da Federación Galega de Municipios e Provincias na Xunta de Goberno do organismo autónomo Augas de Galicia. Un nomeamento que foi confirmado polo secretario xeral da Fegamp, Eduardo Ramonde, e que supón un novo recoñecemento ao labor que está a levar a cabo o alcalde de Oroso.
De feito, dende o pasado mes de marzo Mirás Franqueira é membro da Comisión de Modernización e Calidade da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), un posto dende o que traballa no desenvolvemento de accións de sensibilización, promoción e formación para a implantación de sistemas de calidade nos concellos. Así mesmo, o alcalde de Oroso tamén é o único representante da FEGAMP no Consello Galego de Transporte, órgano consultivo no que están representados a Xunta, os empresarios do transporte, as asociacións de consumidores, os sindicatos e os Concellos galegos.