maría carmen liste

Dezaseis familias utilizan o servizo de educación familiar en Oroso.


A educadora familiar trata de axudar a resolver os problemas e as crises que poidan ocorrer nunha familia

Un total de 16 familias reciben a axuda da educadora familiar do Concello de Oroso. Un servizo que consiste en “axudar a que familias desestructuradas poidan servirse por elas mesmas”, explica María José Mosquera, educadora familiar de Oroso. María José Mosquera explica que o seu traballo “non é unha pasantía, como algúns creen” senon que se trata dunha “axuda integral ás familias en temas como pautas de alimentación, hixiene, habilidades sociais, comunicación inter e intra persoa, desenvolvemento afectivo e, por suposto, tamén educativas”.

Neste sentido, a educadora social orosá deixa ben claro que a súa actividade non ten nada que ver con clases particulares. “Traballamos cos nenos e imos ás súas casas a axudalos, pero non porque sexan malos estudiantes que precisen unha pasantía, senon porque forman parte dunha familia desestructurada e precisan da nosa axuda”, apunta María José Mosquera.

Así, a educadora familias do Concello de Oroso elabora un contrato de intervención socio-educativo para cada familia. Unha tarefa que leva a cabo ben no domicilio familiar, ben no despacho da educadora familiar en Sigüeiro. Nestes encontros, a educadora familiar promove hábitos de hixene persoal e do vestido, elabora dietas equilibradas e saudables ou informa ás familias sobre enfermidades e accidentes domésticos. Asemade, tamén colabora na organización da economía familiar, na formación dos pais, na prevención de drogodependencias e na mellora das relacións da familia co seu entorno, fomentando a súa participación nas distintas actividades que oferta o Concello de Oroso.