maría carmen liste

O Concello de Oroso reparte os xoguetes recollidos na campaña de nadal entre 25 nenos de familias desfavorecidas do municipio.


A conselleira de Servizos Sociais, María Carmen Liste, destaca a “gran solidariedade amosada polos veciños de Oroso”

O Concello de Oroso vén de facer entrega nestes días dos xoguetes e libros recollidos durante a campaña de Nadal para familias residentes no municipio que se atopan en condicións desfavorecidas. Un total de vintecinco rapaces e rapazas, menores de catorce anos, recibiron estes regalos doados polos veciños e veciñas do municipio. “A idea era que ningún neno de Oroso quedara sen xoguetes nestas datas tan especiais”, explica a concelleira de Asuntos Sociais, María Carmen Liste, quen agradece “a gran resposta ofrecida polos veciños de Oroso, o cal demostra a súa gran solidariedade”.

De feito, esa resposta dos veciños e veciñas superou todas as expectativas do Concello de Oroso, que organizou esta campaña en colaboración con Trastes Centros de Educación Infantil. A solidariedade dos veciños e veciñas de Oroso quedou patente á vista da gran cantidade de regalos entregados, moitos deles do trinque. Ademais dunha gran cantidade de peluches, houbo xoguetes para tódolos gustos: trens eléctricos, bonecas cos seus distintos accesorios, unha casa de bonecas, un scalextric, numerosos xogos de mesa e moitos xoguetes para bebé.

A concelleira de Asuntos Sociais, María Carmen Liste, agradeceu “a masiva colaboración amosada polos veciños e veciñas de Oroso, que demostraron unha gran solidariedade e respostaron dun xeito extraordinario ao noso chamamento”. Asimesmo, o Concello destaca o traballo realizado tanto pola Escola Infantil Trastes como pola Asociación de Comerciantes de Sigüeiro, que doou o papel para envolve-los regalos.