A conselleira de Sanidade visita Sigüeiro para dar inicio ó protocolo para a construcción do novo centro de saúde.
María José Rubio e Manuel Mirás visitarán este martes, ás 17:00 horas, os terreos cedidos polo Concello para o novo centro de saúde.
A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, reunirase mañán martes co alcalde de Oroso, Manuel Mirás, para expoñerlles o protocolo de actuación para a construcción do novo centro de saúde de Sigüeiro. A reunión terá lugar mañán martes, 12 de febreiro, ás 17:00 horas, na Casa Consistorial de Sigüeiro.
Posteriormente, Rubio Vidal e Mirás Franqueira realizarán unha visita aos terreos cedidos polo Concello de Oroso no último pleno, celebrado o pasado mes de xaneiro, para a construcción do novo centro de saúde. Concretamente, trátase da parcela número sete do plan de adxudicación dos terreos resultantes do Proxecto de Compensación do Área de Reparto número 1, Río Carboeiro, destinada xa no PXOM a equipamento sanitario. Unha parcela de 3.185 metros cadrados que está ubicada moi preto das actuais dependencias sanitarias.
Asimesmo, a conselleira de Sanidade tamén visitará o novo centro de pediatría posto en marcha polo Concello de Oroso o pasado mes de setembro para desconxestionar a situación do actual centro de saúde de Sigüeiro, xa que atende a uns 1.300 rapaces. Este local, ubicado na rúa do Campo nº 9 de Sigüeiro, ocupa unha extensión de 165 metros cadrados, distribuidos en dúas salas de consulta de pediatría, unha sala de enfermería e unha sala para a matrona. Asemade, dispón dunha habitación para a recepción dos pacientes, sala de espera e aseos.