Sigüeiro acollerá bailes adicados aos maiores os últimos sábados de cada mes.
O primeiro destes bailes terá lugar mañán sábado, 23 de febreiro, no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa coa actuación do dúo Almaizo.
O Concello de Oroso organizará un baile para maiores mensual, que terá lugar os últimos sábados de cada mes. Unha iniciativa que xurde “despois do gran éxito acadado no baile de Entroido celebrado a principios deste mes, no que participaron medio cento de maiores que pasaron unha tarde moi animada e divertida”, explica a concelleira de Asuntos Sociais, Mari Carmen Liste Raña.
Os bailes terán lugar no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro os últimos sábados de cada mes, a partires das 18:30 horas. Estarán animados pola actuación dun grupo musical e servirán como punto de encontro entre os veciños de maior idade do municipio. O Concello porá algo para beber e os maiores colaborarán traendo algo para merendar, como fixeron no baile de Entroido, onde se degustou unha gran cantidade de filloas e orellas.
O primeiro destes bailes mensuais para maiores terá lugar mañán sábado, 23 de febreiro, a partires das 18:30 horas. Unha xornada que estará animada pola actuación do dúo Almaizo.