maría carmen liste

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición na festa dos maiores.


Terá lugar o sábado 21 de xuño nas instalacións do hotel Os Carballos (Deixebre).

O Concello de Oroso vén de abrir o prazo de inscrición na Festa dos Maiores, que terá lugar o sábado 21 de xuño. Unha festa na que poderán participar totalmente de balde todos os veciños e veciñas empadroados en Oroso con idades superiores aos sesenta anos, que terán que formalizar a súa inscrición antes do vindeiro luns 16 de xuño no Departamento de Servizos Sociais de Atención Primaria en horario de 9:30 a 13:30 horas (excepto os xoves).

O Concello de Oroso ten preparado un atractivo programa de actividades para esa xornada de confraternidade entre veciños. Así, ás 13:00 horas terá lugar a tradicional misa na capela de Santa María de Deixebre. Unha hora máis tarde, ás 14:00 horas, as instalacións do hotel Os Carballos acollerán o xantar dos maiores, que será servido por Casa Taboada. A festa finalizará cos tradicionais bailes, que estarán amenizados polo dúo Camilo e Eva.

Para facilitar a participación de todos os veciños e veciñas que o desexen, o Concello de Oroso habilitará un servizo de autobuses por todas as parroquias. Ademais, ao xantar tamén poderán asistir os fillos ou fillas daqueles maiores que teñan unha minusvalía recoñecida.

Coñece o teu país

Finalmente, o Concello de Oroso informa tamén da apertura do prazo de presentación de solicitudes do programa “Coñece o teu país”, que inclúe a realización de excursións e rutas ao longo de toda Galicia para facilitarlles ás persoas maiores o coñecemento da realidade actual e do patrimonio histórico-cultural da nosa terra.

Neste programa poderán participar todos os maiores de 65 anos, ou de máis de 60 reunindo a condición de pensionista, que residan en Galicia. Os veciños e veciñas de Oroso interesados en participar nesta iniciativa deberán dirixirse ao Fogar de Maiores, na rúa Rodas número 2 (Santiago de Compostela).