Máis de setecentos veciños de Oroso participarán mañá na Festa dos Maiores.
Este ano a misa e o xantar terán lugar na parroquia de Deixebre.
Máis de setecentos veciños e veciñas de Oroso, con idades superiores aos sesenta anos, participarán mañá sábado, 21 de xuño, na tradicional Festa dos Maiores que organiza o Concello de Oroso. Unha festa totalmente de balde e para a que o Concello de Oroso mesmo habilitou un servizo de autobuses para facilitar a participación de todos os veciños e veciñas que o desexen.
Os autobuses sairán ás 10:45, uns dende Sigüeiro e outros dende as distintas parroquias do municipio. Os maiores concentraranse no atrio da capela de Santa María de Deixebre, onde ás 13:00 horas terá lugar a tradicional misa. Unha hora despois, ás 14:00 horas, celebrarase o xantar de confraternidade nas instalacións do hotel Os Carballos, situado enfronte á capela, onde os maiores recibirán un agasallo xentileza do Concello de Oroso.
Finalmente, a partires das 17:00 horas, o dúo Camilio e Eva amenizará o baile dos maiores. Nun principio, a volta a casa está programada para as 18:30 horas, levando os autobuses aos participantes na festa ás súas respectivas parroquias.