Sigüeiro acollerá na segunda quincena de xaneiro a II Exposición da memoria histórica.
Grandes persoeiros como Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo darán testemuña oral do galeguismo nos tempos da Segunda República e durante o franquismo.
Sigüeiro converterase durante a segunda quincena de xaneiro nun punto de encontro e de referencia á hora de falar da Segunda República, do Alzamento e da represión e a loita antifranquista. Quince días nos que todos os que o desexen poderán coñecer a persoas, lugares e feitos que se ocultaron durante o franquismo, ben a través dunha interesante exposición, ben de viva voz dalgúns grandes persoeiros da historia galega que viviron eses días como Isaac Díaz Pardo ou Avelino Pousa Antelo.
O Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro (Oroso) acollerá a II Exposición da Memoria Histórica, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes. Unha mostra que estará acompañada por unha serie de actos paralelos nos que os mellores especialistas e persoeiros históricos do noso país darán o seu testemuño sobre eses tempos. Uns actos que terán lugar os mércores 16, 23 e 30 de xaneiro, a partires das 20:30 horas.
A exposición fai un percorrido dende a II República ata os tempos dos “Foucellas” (1931-1952) e recolle paneis sobre a evolucón da II República, documentos escritos e sonoros da época, carteis-libros-prensa e revistas orixinais da época así como fotografías e documentos sobre a guerrilla na comarca de Ordes e de persoeiros e acontecementos da época da II República. Ademais, durante a mostra poderanse ver e escoitar continuamente diversos documentos da época: cancións, o “Nodo”, carteis da Guerra Civil...
Testemuñas orais
A exposición da memoria histórica inaugurarase o mércores, 16 de xaneiro, cunha conferencia a cargo do catedrático de Literatura Galega Xesús Alonso Montero, que falará sobre “As misións pedagóxicas na Segunda República”. Nesa xornada, o ilustre galeguista Isaac Díaz Pardo dará a súa testemuña oral sobre o paso da Segunda República á Dictadura Franquista.
Para o mércores 23 de xaneiro está programada dúas conferencias a cargo de Uxío Breogán Diéguez Cequiel, que falará sobre “Galiza na II República ou o avance do progreso e a identidade nacional”, e de Bernardo Máiz Vázquez, que disertará sobre “As leis franquistas e a realidade cotiá”. O acto, que estará presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, contará coa testemuña oral doutro ilustre galeguista: Avelino Pousa Antelo, que falará sobre “As leis franquistas e a realidade cotiá”.
Finalmente, para o mércores 30 de xaneiro están previstas dúas novas conferencias da man do presidente do Obradoiro da Historia, Manuel Pazos Gómez, quen falará da “Represeión e mortes violentas na comarca de Ordes (1936-1952)”, e do músico Xosé Luis Rivas “Mini”, que tratará o tema “Boimorto: memoria dun silencio”. A exposición clausurarase cunha actuación musical a cargo de Mini e Mero, do grupo “A Quenlla”.
Estas xornadas están organizadas pola Mancomunidade de concellos da comarca de Ordes, en colaboración coa asociación cultural Obradoiro da História, co Ateneo Republicano de Galicia, con Edicións do Castro e coa Revoltaina cultural da beira de Bergantiños. Unha actividade que conta co patrocinio da Consellería de Cultura.