O Concello de Oroso inicia este mércores un novo trimestre do programa de animación á lectura.
Unha media de cincuenta rapaces, de entre 3 e 11 anos, participaron nesta iniciativa durante o último trimestre de 2007.
A biblioteca municipal de Sigüeiro acollerá mañán mércores o inicio dun novo trimestre do Programa de Animación á Lectura, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Oroso para fomentar o hábito da lectura entre rapaces de 3 a 11 anos. Un programa totalmente gratuito que durante o último trimestre de 2007 rexistrou unha media de cincuenta nenos e nenas por sesión.
Neste primeiro trimestre de 2008, a biblioteca municipal volverá a acoller actividades tódolos mércores do mes, ás 18:00 horas. Debido ao éxito de participación acadado durante o pasado trimestre, o Concello de Oroso decidiu manter un amplio programa de actuacións coa participación das compañías “Argallando”, “Contos doutros mundos” e “Trinke Trinke”, que volverán a levar a Sigüeiro á popular “Familia Ratoncio”.
Ademais dos tradicionais contacontos, as compañías “Argallando” e “Contos doutros mundos” organizarán tamén uns obradoiros de manualidades. Iso sí, os rapaces que desexen participar nestes obradoiros terán que anotarse previamente na biblioteca municipal, xa que teñen un límite de 20 prazas. No caso dos contacontos non hai límite algún de prazas, xa que o obxectivo do Concello de Oroso é achegar os libros tanto aos nenos como aos seus pais, que tamén poden asistir ás sesións. Por iso, ademais destas sesións semanais, o Concello de Oroso tamén organizará funcións destinadas aos distintos centros educativos do municipio, que terán lugar durante os meses de xaneiro e abril.
Programa para este trimestre
O Programa de Animación á Lectura do Concello de Oroso comezará mañán mércores cun obradoiro de monicreques a cargo da compañía Argallando. Despois do obradoiro de contos levado a cabo durante o pasado trimestre, os rapaces de Sigüeiro poderán agora afronta-lo proceso de creación deses monicreques que tanto os entreteñen. Este obradoiro desenvolverase os primeiros mércores dos meses de xaneiro, febreiro e marzo.
Para o segundo e cuarto mércores de cada mes, os nenos e nenas de Sigüeiro teñen unha cita coa “Familia Ratoncio”. Ao longo de 45 minutos, os distintos compoñentes desta popular familia de ratos de biblioteca contarán un par de contos nos que buscarán a implicación dos rapaces. Lupe, Lupiña, Carolina, Cami, Vanesa, o avó Cosme Ratoncio e o gato Gatrolas farán un ano máis as delicias dos máis cativos.
Finalmente, a compañía Contos doutros mundos combina 45 minutos de contacontos e 30 minutos de obradoiros nos que os rapaces coñecerán contos doutros lugares que amosan o mundo dende o punto de vista doutras culturas. Nestre trimestre realizarán dúas sesións (o 23 de xaneiro e o 20 de febreiro) coas que o Concello de Oroso busca educar aos pequenos en valores tan importantes como a igualdade, a tolerancia, a cooperación e o respecto por outras culturas e pobos.
Programación
|
XANEIRO |
|
|
Día 9 |
Argallando "Obradoiro de Monicreques" |
|
Día 16 |
Trinke Trinke "A Familia Ratoncio" |
|
Día 23 |
Contos doutros mundos. Contacontos e Obradoiros |
|
Día 30 |
Trinke Trinke "A Familia Ratoncio" |
|
FEBREIRO |
|
|
Día 6 |
Argallando "Obradoiro de Monicreques" |
|
Día 13 |
Trinke Trinke "A Familia Ratoncio" |
|
Día 20 |
Contos doutros mundos. Contacontos e Obradoiros |
|
Día 27 |
Trinke Trinke "A Familia Ratoncio" |
|
MARZO |
|
|
Día 5 |
Argallando "Obradoiro de Monicreques" |
|
Día 12 |
Trinke Trinke "A Familia Ratoncio" |
|
Día 26 |
Contos doutros mundos. Contacontos e Obradoiros |