eduardo veiras

Sigüeiro acolle a II Exposición da Memoria Histórica.


A mostra poderá visitarse no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa ata o 30 de xaneiro.

inauguracion Sigüeiro é durante esta segunda quincena de xaneiro o punto de encontro e de referencia á hora de falar da II República, do Alzamento e da represión e a loita antifranquista. O Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acolle a II Exposición da Memoria Histórica, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes. Unha mostra que estará acompañada por unha serie de actos paralelos nos que os mellores especialistas e persoeiros históricos do noso país darán o seu testemuño sobre eses tempos. Uns actos que terán lugar os mércores 23 e 30 de xaneiro, a partires das 20:30 horas.

inauguracion A exposición da memoria histórica inaugurouse este mércores, 16 de xaneiro, cunha conferencia a cargo do catedrático de Literatura Galega Xesús Alonso Montero, que falou sobre “As misións pedagóxicas na Segunda República”. Unha xornada na que o ilustre galeguista Isaac Díaz Pardo deu a súa testemuña oral sobre eses tempos de paso da Segunda República á Dictadura Franquista. Díaz Pardo fixo as delicias dos máis de cen veciños e veciñas de Oroso que se achegaron ata o Centro Cultural Fernando Casas e Novoa ao relatar simpáticas anécdotas sobre a súa vida, o seu exilio na Arxentina e o “importante traballo realizado para recuperar unha memoria, que estaba destrozada,” a través de iniciativas coma o Laboratorio de Formas.

inauguracion Posteriormente, os asistentes visitaron esta exposición, que fai un percorrido dende a II República ata os tempos dos “Foucellas” (1931-1952). No salón de acto do Centro Cultural poderanse contemplar paneis sobre a evolución da II República, documentos escritos e sonoros da época, carteis-libros-prensa e revistas orixinais da época así como fotografías e documentos sobre a guerrilla na comarca de Ordes e de persoeiros e acontecementos da época da II República. Ademais, durante a mostra poderanse ver e escoitar continuamente diversos documentos da época: cancións, o “Nodo”, carteis da Guerra Civil...

Próximas conferencias.

Para o mércores 23 de xaneiro están programadas dúas conferencias a cargo de Uxío Breogán Diéguez Cequiel, que falará sobre “Galiza na II República ou o avance do progreso e a identidade nacional”, e de Bernardo Máiz Vázquez, que disertará sobre “As leis franquistas e a realidade cotiá”. O acto, que estará presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, contará coa testemuña oral doutro ilustre galeguista: Avelino Pousa Antelo, que falará sobre “As leis franquistas e a realidade cotiá”.

Finalmente, para o mércores 30 de xaneiro están previstas dúas novas conferencias da man do presidente do Obradoiro da Historia, Manuel Pazos Gómez, quen falará da “Represeión e mortes violentas na comarca de Ordes (1936-1952)”, e do músico Xosé Luis Rivas “Mini”, que tratará o tema “Boimorto: memoria dun silencio”. A exposición clausurarase cunha actuación musical a cargo de Mini e Mero, do grupo “A Quenlla”.

Estas xornadas están organizadas pola Mancomunidade de concellos da comarca de Ordes, en colaboración coa asociación cultural Obradoiro da História, co Ateneo Republicano de Galicia, con Edicións do Castro e coa Revoltaina cultural da beira de Bergantiños. Unha actividade que conta co patrocinio da Consellería de Cultura.