Inaugurada a praza Isaac Díaz Pardo en Sigüeiro.
O alcalde, Manuel Mirás, amosa a solidariedade do Concello de Oroso con Díaz Pardo ante os problemas que está a ter en Sargadelos.
Sigüeiro xa ten unha praza que leva o nome dun dos grandes persoeiros do século XX en Galicia: Isaac Díaz Pardo. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, foi o encargado de inaugurar esta praza adicada ao ilustre galeguista (a antiga praza do Concello). Un emotivo acto que contou coa presenza do propio Isaac Díaz Pardo, do secretario Xeral de Cultura, Carlos Alberto Amoedo, do equipo de Goberno do Concello de Oroso ao completo, con diversas autoridades municipais e de numerosos veciños e veciñas de Sigüeiro que se sumaron a este evento.
Un acto no que Mirás Franqueira amosou a “total solidariedade do Concello de Oroso con Isaac Díaz Pardo ante os problemas que está a ter no grupo Sargadelos”. Neste sentido, o alcalde de Oroso recoñeceu que “mentres Isaac estivo á súa fronte, Sargadelos foi un exemplo do que pode facer un empresario comprometido con Galicia, que aposta pola cultura galega, polos xóvenes valores”.
Manuel Mirás asegurou que “no Concello de Oroso decidimos render homenaxe a ilustres personalidades galegas dándolle os seus nomes ás rúas e prazas de Sigüeiro”, entre os que figuran Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Eduardo Pondal, Álvaro Cunqueiro ou Alexandre Bóveda, e sinalou que “quixemos que a praza de Isaac Díaz Pardo fose a primeira en ser inaugurada porque, ademais de ser a máis emblemática de Sigüeiro, pensamos que as homenaxes e os recoñecementos a persoas da talla de Díaz Pardo hai que facerllos en vida”.
O rexedor de Oroso apuntou que “Isaac Díaz Pardo é todo un exemplo a seguir por todos” e que “se hai hoxe unha personalidade en Galicia que sintetice os valores da cultura, da arte e da empresa e os combine cun fondo sentido da nosa terra, ése é Isaac Díaz Pardo”.
Pola súa banda, o homenaxeado fixo gala unha vez máis da súa humildade ao agradecer esta homenaxe. Díaz Pardo resumíu todo o seu labor como artista, intelectual e empresario (con proxectos coma Sargadelos ou o Laboratorio de Formas) dicindo que “fixen cousas na miña vida pero as ideas viñeron de Arxentina, de persoas coma Luis Seoane ou Blanco Amor”.
Finalmente, Carlos Alberto Amoedo amosou a “gratitude da Consellería de Cultura e Deportes con esta iniciativa do Concello de Oroso porque non só dignifica a Isaac, senon tamén tantos e tantos loitadores que mantiveron erquido o facho da cultura galega durante a ditadura”. O secretario xeral de Cultura apunto que “é moi importante esta iniciativa do Concello de Oroso porque este busto dignifica á figura de Díaz Pardo, porque éste é o adro laico de Oroso, onde está a respresentación popular do concello e por iso é importante que esté aquí presente a figura de Isaac”.
Posteriormente, Manuel Mirás e Isaac Díaz Pardo descubriron un busto e unha praca conmemorativa desta iniciativa que presidirán dende agora esta praza de Sigüeiro. O acto rematou cunha actuación do grupo Lembranzas do Tambre e coa interpretación do himno galego.