eduardo veiras

Avelino Pousa Antelo falará en Sigüeiro sobre o Galeguismo nos tempos da Segunda República.


O Centro Cultural Fernando Casas e Novoa acolle mañán mércores a segunda sesión de conferencias da Exposición da Memoria Histórica.

O Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá mañán mércores, 23 de xaneiro, a partires das 20:30 a segunda sesión de conferencias programadas dentro da Exposición da Memoria Histórica, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes. Unha sesión na que o ilustre galeguista Avelino Pousa Antelo dará a súa testemuña oral sobre o galeguismo nos tempos da Segunda República.

Pousa Antelo será presentado por Xosé Manuel Pérez Penas, tenente de alcalde do Concello de Oroso, nun acto que estará presidido polo concelleiro de Cultura de Oroso, Eduardo Veiras Rey. Nado na Barcala (A Baña), Pousa Antelo tomou parte na propaganda do Estatuto de Autonomía de 1936. Agrarista e cooperativista, colabora coas sociedades agrarias barcalesas e actualmente é presidente da Fundación Castelao, vicepresidente da Fundación Fernández Florez e vocal das Fundacións Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda.

Xunto ao testemuño de Avelino Pousa Antelo, o Centro Cultural Fernando Casas e Novoa acollerá dúas conferencias a cargo de Uxío Breogán Diéguez Cequiel, que falará sobre “Galiza na II República ou o avance do progreso e a identidade nacional”, e de Bernardo Máiz Vázquez, que disertará sobre “As leis franquistas e a realidade cotiá”. Diéguez Cequiel, formado como investigador na Universidade de Santiago de Compostela, é un especialista na historia do nacionalismo galego. Pola súa banda, Bernardo Máiz é doutor en Historia Contemporánea e autor de varios libros sobre a situación de Galicia durante o franquismo.

As ponencias terán lugar no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, onde ata o vindeiro 30 de xaneiro se pode visitar a II Exposición da Memoria Histórica. Unha mostra que fai un percorrido dende a II República ata os tempos dos “Foucellas” (1931-1952) e recolle paneis sobre a evolución da II República, documentos escritos e sonoros da época, carteis-libros-prensa e revistas orixinais da época así como fotografías e documentos sobre a guerrilla na comarca de Ordes e de persoeiros e acontecementos desta época. Ademais, durante a mostra poderanse ver e escoitar continuamente diversos documentos da época: cancións, o “Nodo”, carteis da Guerra Civil