Concurso de disfraces, baile de maiores, festa de disfraces e obradoiros conforma o programa do entroido de Oroso.
O Concello de Oroso organiza un completo programa con espectáculos para todos os gustos e idades.
O Concello de Oroso vén de presenta-la programación de Entroido para este ano, que chega chea de concursos, festas de disfraces, obradoiros e mesmo dun baile para os maiores. O concelleiro de Cultura de Oroso, Eduardo Veiras, asegura que se trata “dun programa moi atractivo, con actividades para tódolos gustos e idades”.
O Entroido chegará a Oroso o vindeiro xoves 31 de xaneiro, xa que ás 12:00 horas se dará a coñecer o fallo do xurado do Concurso de Máscaras. Haberá dous gañadores por cada categoría: infantil (de 9 a 15 anos) e adultos (maiores de 16 anos). O prazo de presentación das máscaras permanecerá aberto ata o mércores 30 de xaneiro. Os premios, consistentes nunha Nintendo DS e nun MP3 na categoría infantil e nunha fin de semán nunha casa rural e nunha cea para 2 persoas no caso dos adultos, entregaranse o 2 de febreiro.
Precisamente, na tarde do sábado 2 de febreiro terá lugar unha gran festa de disfraces no pavillón polideportivo de Sigüeiro. A cita é ás 18:00 horas cun pasarrúas por Sigüeiro con insectos xigantes. Despois terá lugar unha festa de disfraces dirixida especialmente aos máis pequenos da casa. Haberá inchables, obradoiros e moitas sorpresas para tódolos participantes, como unha degustación de productos tan típicos destas datas como son as orellas e as filloas. Asemade, celebrarase o tradicional Concurso de Disfraces e entregaranse os premios do Concurso de Máscaras.
Baile de maiores
Na mañán do luns 4 de febreiro, ás 11:30 horas, o Centro Cultural Fernando Casas e Novoa acollerá un obradoiro de maquillaxe dirixido aos máis pequenos da casa. Pola tarde, ás 20:30 horas, o centro cultural de Sigüeiro será o escenario dunha gran Festa de Disfraces, que contará cun espectáculo de animación, malabares, xogos e música a cargo de Pablo “Trasno” e Fredi “Circanelo”.
Para a mañán do mércores 6 de febreiro, o Concello de Oroso ten programado un novo obradoiro para os maiores de cinco anos. Nesta ocasión trátase da creación de carteiras con cómics. Finalmente, para o sábado 9 de febreiro (Sábado de Piñata), o Concello de Oroso organiza un Baile de Maiores, que terá lugar no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro a partires das 18:30 horas. A velada estará animada por un grupo musical e pola actuación de Pacheco, gañador do concurso de humorista do programa de televisión “Luar” o pasado 2007.