A Exposición da Memoria Histórica de Sigüeiro fai unha defensa da figura de Isaac Díaz Pardo.
Avelino Pousa Antelo asegura que “queira Deus que os ratos non se saian coa súa, porque sería unha desgracia para Galicia” que Díaz Pardo non seguise á fronte do Instituto Galego de Información.
O Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro converteuse na noite de onte mércores nun foro de apoio á figura de Isaac Díaz Pardo e, en concreto, á súa permanencia á fronte do Instituto Galego de Información (IGI). Durante o segundo día de conferencias incluidas na II Exposición da Memoria Histórica, que se celebra en Sigüeiro ata o 30 de xaneiro, outro ilustre galeguista como Avelino Pousa Antelo fixo unha gran defensa do seu compañeiro e amigo Díaz Pardo.
Neste sentido, Pousa Antelo denunciou a “operación de derribo de Díaz Pardo á fronte do Instituto Galego de Información” e, en referencia a unha infografía que amosou ao auditorio cuns ratos roendo no IGI, exclamou: “queira Deus que os ratos non se saian coa súa, porque sería unha desgracia para Galicia”. Un comentario que foi moi aplaudido polo centenar de persoas aló reunidas.
Posteriormente, o tenente de alcalde de Oroso, Xosé Manuel Pérez, felicitou públicamente a Pousa Antelo “polos seus acertados comentarios sobre Díaz Pardo, que de seguro compartimos todos”. Un feito que o concelleiro de Cultura, Eduardo Veiras, aproveitou para lembrar aos presentes a iniciativa posta en marcha polo Concello de Oroso para recoller firmas en apoio de Díaz Pardo. De feito, ao finalizar o acto, case que tódolos asistentes asinaron ese manifesto, no que se pide ao Grupo Sargadelos que Díaz Pardo sega no seu posto de conselleiro delegado do IGI e se solicita a intervención da Xunta para que preserve o legado deste ilustre galeguista.
Memoria histórica
Avelino Pousa Antelo foi o gran protagonista da segunda xornada de conferencias da II Exposición da Memoria Histórica, que se está a celebrar en Sigüeiro. “Un testemuño de gran valor que ocupa un lugar de honra na loita pola identidade do noso país”, segundo apuntou Xosé Manuel Pérez, tenente de alcalde de Oroso, na presentación de Pousa Antelo.
Durante preto de media hora, este ilustre galeguiste fixo un pequeno percorrido pola súa vida, centrándose sobre todo nese “Mitin de promoción galega” celebrado no Teatro Principal de Santiago en maio de 1931 e que contou coa presenza de figuras como Antón Vilar Ponte, Ricardo Carballo Calero, Valentín Paz Andrade, Álvaro das Casas ou Castelao, de quen Pousa Antelo destaca “a súa voz tépeda, doce e humanista”.
Unha intervención que tamén estivo salpicada por anécdotas simpáticas da súa vida, como eses cinco anos que pasou no Seminario antes da proclamación da II República e que abandonou porque “non tiña vocación de polo asado” (en referencia aos rumores que corrían na época de que o Goberno ía queimar os seminarios). De feito, bromeou dicindo que “a Igrexa perdeu un bo bispo, pero eu deixei esa honra para quen o queira”.
10.000 mortos en Galicia
Pousa Antelo estivo precedido polo investigador na Universidade de Santiago de Compostela Uxío Breogán Diéguez Cequiel, que falou sobre Galicia na II República e o avance da identidade nacional. Finalmente, o doutor en Historia Contemporánea Bernardo Máiz fixo un percorrido polas leis franquistas e a súa influencia na realidade cotiá.
Bernardo Máiz denunciou o totalitarismo do réxime franquista e a represión que acometeu ao longo dos anos nos que o dictador estivo no poder, que se saldaron con un gran número de mortos. Aínda que recoñeceu a dificultade para dar cunha cifra exacta de falecidos, xa que moitos represaliados non están rexistrados como tales, Máiz asegura que “en Galicia podemos chegar aos 10.000 mortos”. Finalmente, Bernardo Máiz agradeceu o esforzo do Concello de Oroso na posta en marcha deste tipo de inciativas porque “o coñecemento do pasado axuda a comprender o presente e axuda a preparar o futuro”.