eduardo veiras

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición na campaña de esquí 2008.


Poderán participar oito rapazas e rapaces de 10 a 13 anos.

O Concello de Oroso vén de abri-lo prazo de inscrición para os rapaces e rapazas do municipio, de entre 10 e 13 anos, que desexen participar na campaña de esquí 2008 organizada pola Deputación da Coruña. Unha viaxe a Serra Nevada (Granada) que terá lugar do 22 ao 29 de marzo e na que poderán participar oito pequenos de Oroso.

Os interesados en participar poderán formaliza-la súa inscrición antes do 3 de marzo. Para facelo, os rapaces deberán encher un formulario cos seus datos persoais, datos médicos e unha autorización paterna. Ademais, haberá que presentar unha foto carné, fotocopias da tarxeta sanitaria e do libro de familia e xustificante de empadroamento.

Os rapaces disfrutarán dunha viaxe de oito días á estación invernal de Serra Nevada (Granada), onde se hospedarán nun hotel de tres estrelas no casco urbán de Granada. Ademais de visitas culturais guiadas na cidade andaluza, como á Alhambra, os rapaces tamén disfrutarán de clases para aprender a esquiar, xa que a organización facilitarase o equipamento preciso para practicar este deporte.

O prezo da viaxe é de 95 euros, e inclúe desprazamento, hospedaxe e comidas. Unha cuota que deberá aboarse unha vez que se confirme a praza, xa que se o número de solicitantes é superior ao número de prazas ofertadas haberá que facer un sorteo. Un sorteo que terá lugar o 3 de marzo, ás 14:00 horas, no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.

Mais información na páxina da Deputación da Coruña.

Deputación da Coruña