Clausura da II Exposición da Memoria Histórica.
O Centro Cultural Fernando Casas e Novoa acolle mañán mércores a última sesión de conferencias coas intervencións de Manuel Pazos Gómez e Xosé Luis Rivas “Mini”.
O Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá este mércores, 30 de xaneiro, a partires das 20:30. a clausura da segunda edición da Exposición da Memoria Histórica, que se vén celebrando dende o pasado 16 de xaneiro. Para esta xornada están previstas dúas novas conferencias da man do presidente do Obradoiro da Historia, Manuel Pazos Gómez, quen falará da “Represeión e mortes violentas na comarca de Ordes (1936-1952)”, e do músico Xosé Luis Rivas “Mini”, que tratará o tema “Boimorto: memoria dun silencio”. O acto será presentado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e pecharase cunha actuación musical a cargo de Mini e Mero, do grupo “A Quenlla”.
A II Exposición da Memoria Histórica fai un percorrido dende a II República ata os tempos dos “Foucellas” (1931-1952) e recolle paneis sobre a evolución da II República, documentos escritos e sonoros da época, carteis-libros-prensa e revistas orixinais da época así como fotografías e documentos sobre a guerrilla na comarca de Ordes e de persoeiros e acontecementos desta época. Ademais, durante a mostra poderanse ver e escoitar continuamente diversos documentos da época: cancións, o “Nodo”, carteis da Guerra Civil...