eduardo veiras

Sigüeiro acolle unha exposición de recoñecemento á figura de Moncho Valcarce.


O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, inaugurará a mostra este venres, 2 de febreiro, ás 20:30 no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa.

O Concello de Oroso organiza unha exposición sobre a figura do sacerdote coruñés Moncho Valcarce Vega, “o cura das Encrobas”, que destacou durante anos pola súa defensa dos labregos. A mostra terá lugar no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa entre o 1 e o 15 de febreiro e inclúe unha serie de paneis informativos e diversa documentación sobre a figura de Valcarce Vega.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, será o encargado de inaugurar esta exposición nun acto que terá lugar mañán venres 1 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro. Un acto que incluirá unha breve conferencia sobre a figura de Moncho Valcarce a cargo de Gumersindo Campaña, membro da Irmandade Moncho Valcarce, entidade nacida no 2001 para recopilar todo o material relativo a este sacerdote e difundir o seu pensamento.

Apoio aos labregos

Esta exposición pretende contribuir ao coñecemento e recoñecemento de Moncho Valcarce, no contexto das loitas históricas nas que participou xunto ao seu pobo. “O cura das Encrobas” foi unha persoa moi presente nos conflictos agrarios que tiveron lugar en Galicia a finais dos anos 70. Nomeado sacerdote en novembro de 1969, Ramón Valcarce Vega foi párroco de Sésamo e Sueiro (Culleredo), onde se indentifica cos problemas dos labregos destas parroquias e comeza unha actividade pastoral concientizadora. Un compromiso que o levou a integrarse nas Comisión Labregas e a afiliarse á ANPG.

Durante a súa estancia nas Encrobas (Cerceda), esixíu maiores compensacións para os labregos polas expropiacións da central térmica de Meirama e participou activamente na loita contra a extracción de area nas marismas de Baldaio (Carballo). O seu grande apego aos labregos levouno a encabezar moitas manifestacións sempre en defensa dos intereses do pobo, aínda en contra da opinión de autoridades políticas e eclesiásticas.

Despois de ser concelleiro polo BNG de Culleredo, Valcarce chega ás Pontes de García Rodríguez. Aló o seu carisma foi tal que a súa memoria se perpetúa hoxendía, xa que lle dá nome ao instituto da vila. Nesta etapa da súa vida sofre unha grave enfermidade que o vela á morte o 22 de febreiro de 1993, cando tiña 57 anos.