eduardo veiras

Os mortos na represión franquista centran a clausura da II Exposición da Memoria Histórica.


Máis de cen persoas encheron o Centro Cultural Fernando Casas e Novoa durante a última xornada de conferencias.

Máis de cen persoas encheron na noite deste mércores o Centro Cultural Fernando Casas e Novoa para asistiren á clausura da segunda edición da Exposición da Memoria Histórica, que se celebrou en Sigüeiro dende o pasado 16 de xaneiro. Unha xornada que estivo centrada nos mortos durante a represión franquista na comarca de Ordes e no veciño concello de Boimorto.

Así, Xosé Luis Rivas “Mini” relatou a súa experiencia na recuperación da memoria histórica dos once veciños de Boimorto que foron fusilados no Amenal. “No medio rural a xente ten por costume comentar a historia de cada familia”, explicou Mini, “pero onde houbo represaliados nunca se contou, eses homes nunca existiron, deles nunca se fala”. Por iso, asegurou que “é un exercicio de saúde democrática o recuperar os mortos e traelos á casa, cos seus, independentemente do bando. Porque non hai que enterrar o pasado, senon revivilo ata que a ferida cure”.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, trasladoulle a Mini “os parabéns do Concello de Oroso por esa busca de xustiza e liberdade”, e loubou o seu traballo para “seguir rompendo o silencio”. Asimesmo, Mirás amosouse moi satisfeito ante “a gran cantidade de xente que acudíu ás distintas conferencias organizadas dentro desta segunda edición da Exposición da Memoria Histórica”.

A segunda conferencia da tarde correu a cargo do presidente do Obradoiro da Historia, Manuel Pazos Gómez, quen falou da represión e das mortes violentas na comarca de Ordes entre os anos 1936 e 1952). Pazos contabilizou un total de 61 mortes violentas na comarca ordense, aínda que recoñeceu que aínda queda moito que investigar, especialmente en concellos coma Tordoia, Trazo ou Cerceda. Manuel Pazos apuntou que a parte da historia que se relatou durante estas xornadas en Sigüeiro é “aquela que nos ocultaron, que moitos quixeron borrar e que é importante recuperar”.

O acto pechouse preto da medianoito despois dunha actuación musical a cargo de Mini e Mero, do grupo “A Quenlla”, que interpretaron unha serie de pezas relacionadas cos represaliados polo franquismo e sobre os guerrilleiros da comarca de Ordes.