O Concello de Oroso inaugura este luns a praza Alexandre Bóveda en Sigüeiro.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, inaugurará este luns 18 de febreiro, ás 20:30 horas, a praza “Alexandre Bóveda” en Sigüeiro. Un acto que contará coa presenza de dous dos fillos deste ilustre galeguista, fusilado polo exército franquista ao comezo da Guerra Civil. Asimesmo, está prevista a asistencia de Carlos Aymerich, voceiro do BNG no Parlamento galego; Uxío Breogán, xerente da Asociación Alexandre Bóveda e director do Centro de Documentación de Alexandre Bóveda; así como os integrantes da corporación municipal de Oroso.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, invita a todos os veciños e veciñas de Sigüeiro, así coma aos admiradores da figura de Alexandre Bóveda, a que participen na inauguración desta praza, “a segunda á que lle cambiamos o nome, despois da praza Isaac Díaz Pardo, nesta aposta que estamos facendo dende o Concello de Oroso por homenaxear a ilustres personalidades galegas”. Ilustres personalidades entre as que se atopan, ademais de Alexandre Bóveda e Isaac Díaz Pardo, figuras coma Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Eduardo Pondal, Rafael Dieste e Álvaro Cunqueiro. Durante o acto de inauguración descubrirase un busto coa figura de Alexandre Bóveda e unha placa conmemorativa do momento. O acto rematará cunha actuación dun grupo de baile tradicional galego.
A decisión de darlle o nome de Alexandre Bóveda a esta praza de Sigüeiro, coñecida anteriormente como “Praza do Chinto”, adoptouse de forma unánime no pleno municipal celebrado o pasado mes
de setembro, que aprobou o cambio de denominación de dúas prazas de Sigüeiro e deu nome a cinco rúas do polígono industrial.
O ourensán Alexandre Bóveda Iglesias foi o motor do Partido Galeguista, segundo verbas do propio Castelao, e participou activamente na redacción do estatuto de Galicia. O 20 de xullo de 1936 foi detido acusado de traizón polo exército franquista e foi condeado a morte. Foi fusilado o 17 de agosto no monte de A Caeira (Poio).