O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición no programa "Diver Primavera".
O programa, dirixido a nenos/as en idade escolar, busca facilita-la conciliación da vida laboral e familiar nas vacacións de Semana Santa.
O Concello de Oroso vén de abrir o prazo de inscrición no programa “Diver Primavera”, dirixido a nenos e nenas en idade escolar e que terá lugar no CEIP de Sigüeiro entre os días 17, 18 e 24 de marzo de 2008. Trátase dunha iniciativa coa que o Concello de Oroso busca un dobre obxectivo: ocupar o tempo de lecer dos cativos dun xeito divertido e educativo; e ofrecerlles ós pais unha alternativa que lles facilite a conciliación da vida laboral e familiar durante a Semana Santa, na que coinciden coas vacacións escolares.
Os responsables de Cultura do Concello de Oroso están a preparar un intenso programa de actividades para os cativos, que inclúe visitas culturais, obradoiros, xogos en equipo e obradoiros. Os veciños/as interesados en que os seus fillos/as poidan participar no programa “Diver Primaveira” poden formaliza-la inscrición nas oficinas da Casa do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O prazo para apuntarse estará aberto ata o vindeiro luns 3 de marzo.
Os prezos de inscrición varían entre os 12 e os 44 euros, segundo o número de horas nas que o rapaz participe na actividade (5, 8 ou 10 horas) e se ven xantado da casa ou non. O departamento de Cultura ten programados tres horarios (de 7:30 a 17:30 horas, de 7:30 a 15:30 horas e de 9:00 a 14:00 horas) para que os pais poidan elixir aquel que mellor se adapte ás súas necesidades. O programa desenvolverase ao longo dos días 17, 18 e 24 de marzo.
| HORARIO | CON XANTAR | SEN XANTAR |
| 7:30 a 17:30 | 44 € | 24 € |
| 7:30 a 15:30 | 36 € | 15 € |
| 9:00 a 14:00 | 32 € | 12 € |