eduardo veiras

O Concello de Oroso celebra o acto oficial de cambio de nome do Centro Cultural de Sigüeiro.


O deputado provincial Antonio Lagares destaca que a Deputación investíu 2,5 millóns de euros en Oroso no periodo 2004-2007.

acto O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o deputado provincial e presidente da Comisión de Economía da Deputación da Coruña, Antonio Lagares, asistiron esta mañán ao acto oficial de cambio de nome do centro cultural de usos múltiples de Sigüeiro, que leva o nome do arquitecto Fernando Casas e Novoa. Mirás e Lagares descubriron unha placa conmemorativa na honra deste ilustre arquitecto, orixinario da parroquia de Senra, e que foi autor da fachada do Obradoiro e está considerado un dos mestres do arte barroco en España.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asegurou que esta inauguración “supón unha alegría dobre porque se trata de honrar a unha persoa que naceu aquí e que foi unha das figuras máis significativas do barroco en España”. actoAsimesmo, Mirás Franqueira agradeceu á Deputación o seu apoio para a consecución do centro cultural de Sigüeiro porque “cando o PP gobernaba aquí e na Deputación non foi quen de facer este edificio, que hoxe nos fai un gran servizo a todos os veciños e veciñas de Sigüeiro”.

Un punto no que coincidíu Antonio Lagares, quen lembrou que “cando estabamos na oposición, dende o PP dicían que había unha partida para este centro cultural e, cando chegamos ao poder, non había partida ningunha”. Asimesmo, o deputado provincial apuntou que “entre 2004 e 2007 a Deputación ten investido un global de 2,5 millóns de euros en Oroso”, aínda que apuntou que “todavía queda moito por facer e seguiremos colaborando co Concello de Oroso”.

Lagares realizou unha visita ás instalacións do centro cultural e loubou a iniciativa do Concello de Oroso de homenaxear a ilustres personalidades galegas dándolles o seu nome a rúas, prazas e edificios emblemáticos de Sigüeiro. “Creo que merecedes unha loa por lembrar aos devanceiros que fixeron cousas importantes pola cultura, un feito que debe servir para que estén presentes na nosa memoria e non os esquenzamos nunca”, explicou Antonio Lagares.

Este último caso do Centro Cultural Fernando Casas e Novoa únese ao celebrado este mesmo luns, coa inauguración da praza Alexandre Bóveda, e ao que tivo lugar o pasado mes de xaneiro coa praza de Isaac Díaz Pardo. A decisión de darlle o nome de Fernando Casas e Novoa ao centro cultural de usos múltiples de Sigüeiro adoptouse de forma unánime no pleno municipal celebrado o pasado mes setembro, que aprobou o cambio de denominación de dúas prazas de Sigüeiro e deu nome a cinco rúas do polígono industrial e ao devandito centro.