Sigüeiro acollerá o primeiro torneo de fútbol ED Xuventude Oroso o 19 de marzo.
Será un cuadrangular de categoría sub-16 que terá como invitado “estrela” á Selección Malagueña de Fútbol.
O campo de fútbol de Sigüeiro acollerá o vindeiro mércores, 19 de marzo, o primeiro Torneo de Fútbol ED Xuventude Oroso categoría sub-16. Unha competición, organizada pola Escola Deportiva Xuventude Oroso en colaboración co concello de Oroso, que reunirá a catro conxuntos: a Selección Malagueña de Fútbol, a SD Compostela, o CD Conxo e o conxunto anfitrión, a ED Xuventude Oroso.
Catro conxuntos que ofrecerán un bo espectáculo de fútbol a todos os que se acheguen polo campo de Sigüeiro. O torneo comezará ás 10:30 horas do mércores 19 de marzo con encontro entre a ED Xuventude Oroso e a selección malagueña de fútbol. Acto seguido, ás 12:15 horas, terá lugar o partido entre a SD Compostela e o CD Conxo. Os gañadores destes dous partidos disputarán a gran final, que se celebrará ás 17:00 horas.
O concello de Oroso fará unha recepción oficial ás distintas personalidades que acompañan á expedición malagueña, entre os que figuran representantes da Deputación Provincial de Málaga e da Federación malagueña de Fútbol, encabezada polo seu presidente Miguel Sánchez.