A ED Xuventude Oroso viaxará a Málaga en maio para xogar un campionato organizado pola Federación Malagueña.
A selección malagueña sub-16 gaña a primeira edición do Torneo de Fútbol ED Xuventude Oroso.
Os rapaces da Escola Deportiva Xuventude Oroso e unha delegación do concello de Oroso desprazaranse o vindeiro mes de maio a Málaga para participar nun campionato de fútbol sub-16 organizado pola Federación Malagueña de Fútbol. Trátase dunha invitación realizada no marco da primeira edición do Torneo de fútbol ED Xuventude Oroso, unha competición que naceu co obxectivo de fomentar os intercambios entre a ED Xuventude Oroso e outros equipos nacionais.
O trofeo do torneo, disputado no campo municipal “Lino Balado” de Sigüeiro, viaxou a terras andaluzas, xa que a selección malagueña de fútbol impúxose nos dous partidos que xogou. No encontro inaugural, os malacitanos derrotaron con bastantes dificultades aos rapaces da ED Xuventude Oroso por catro goles a dous. Na final, ante a SD Compostela, a vitoria decantouse do lado malagueño con moita máis claridade por catro tantos a cero. No outro encontro do torneo, a SD Compostela chegou á final despois de derrotar na rolda de penaltis ao CD Conxo, despois de que os noventa minutos regulamentarios remataran con empate sen goles.
O concelleiro de Deportes de Oroso, Eduardo Veiras Rey, foi o encargado de entregar o trofeo de campións á selección malagueña de fútbol, así como diversos galardóns aos participantes no torneo. Ao acto asistiron os dirixentes da Federación Malagueña de Fútbol, encabezados polo seu presidente Miguel Sánchez, que confirmaron a invitación á delegación orosina de cara ao torneo que se disputará en Málaga o vindeiro mes de maio. Unha invitación que agradeceu o primeiro tenente de alcalde de Oroso, Xosé Manuel Pérez, xa que considera que “sempre é moi interesante facilitar o intercambio entre culturas tan ricas como a galega e a andaluza”.
Antes da disputa do torneo, o concello de Oroso ofreceu unha recepción especial aos integrantes da delegación malagueña. Un encontro no que o presidente da Federación, Miguel Sánchez, apuntou que en Andalucía hai uns 115.000 rapaces federados e que agardaba que “este ejemplo que hoy da Oroso se extienda por toda Galicia, para hacer deportistas, para hacer futbolistas, pero sobre todo para hacer personas”.
Pola súa banda, Luis Rey, presidente da ED Xuventude Oroso, destacou o gran crecemento desta escola deportiva, que pasou de 40 a 170 rapaces en tan só dous anos. “E queremos seguir crecendo coa axuda do concello”, apuntou Rey, xa que “todo o que sexamos capaces de darlles aos nosos nenos, recibirao máis tarde a nosa sociedade”.