Corenta pescadores poderán participar no XII Concurso de Pesca.
A competición e o concurso de pesca infantil terán lugar o vindeiro 4 de maio durante a XII Festa da Troita.
O Concello de Oroso vén de convocar o xa tradicional concurso de pesca que se celebrará o vindeiro 4 de maio no marco da Festa da Troita, que este ano chega á súa duodécima edición. Poderán participar ata un máximo de corenta pescadores, unhas prazas que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición, polo que dende o Concello de Oroso invitan aos afeccionados á pesca a anotarse canto antes. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro martes, 8 de abril, e pecharase o 28 dese mes.
O único requisito imprescindible á hora de formalizar a inscrición é ter licenza de pesca expedida pola Dirección Xeral de Medio Ambiente e da licenza federativa. O Concello de Oroso ofrece a posibilidade de tramitar a licenza federativa no propio concello a aqueles pescadores que non a teñan por un prezo de 12 euros. A cota de inscrición é de 18 euros por concursante, tarifa que inclúe un xantar na carpa da festa.
O Concello de Oroso destinará 500 euros en premios para os tres primeiros clasificados do torneo. Ademais, estableceu un máximo de oito capturas por participante e que soamente puntuarán aqueles exemplares de troita común que midan máis de 21centímetros. As capturas entregaranse ao rematar o concurso nunhas bolsas numeradas antes de deixar a zona de pesca.
Pesca infantil
Paralelamente, o Concello de Oroso convocou unha nova edición do concurso de pesca infantil, que terá lugar no río Carboeiro. Trátase dun concurso dirixido a nenos e nenas de ata 14 anos, que poderán inscribirse de xeito totalmente de balde.
Ademais, o Concello de Oroso solicitou a colaboración dos veciños e veciñas que estean interesados/as en participar coma vixiantes dos pescadores. O único requisito é ser maior de 16 anos. Vinte persoas que vixiarán aos pescadores participantes no concurso dende as 7:30 horas do 4 de maio ata a finalización do concurso, previsto para as 14:00 horas. Unha colaboración pola que recibirán vinte euros, un bocadillo e un refresco para o tempo que estean como vixiantes e unha invitación a xantar na carpa co gallo da XII Festa da Troita.
As inscricións para o concurso de pesca, para o concurso infantil e para os vixiantes poderán formalizarse no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, de luns a venres, en horario de mañá. O prazo ábrese o 8 de abril e pecharase o 28 do mesmo mes. En todos os casos, excepto para o concurso de pesca infantil, o número de prazas é limitado e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. Para máis información, os interesados poden chamar tamén ao teléfono 981 69 09 03.