A Biblioteca Municipal de Oroso convoca a cuarta edición do Concurso de marcapáxinas.
Os tres marcapáxinas gañadores serán publicados e estarán a disposición dos usuarios durante un ano na biblioteca municipal.
A biblioteca municipal de Oroso vén de convocar a cuarta edición do Concurso de Marcapáxinas, dirixido a rapaces e rapazas do municipio de entre seis e doce anos de idade. Uns marcapáxinas que deberán ser entregados na biblioteca municipal antes do vindeiro 12 de maio.
A técnica para elaboralos é libre, pero deberán ter unhas dimensións de 20 x 5 centímetros e estar decorados somentes por unha cara. Os marcapáxinas poderán entregarse na biblioteca no seguinte horario: de luns a venres (de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 20:30 horas) e os sábados (de 10:00 a 13:00 horas).
Establécense tres categorías segundo as idades dos participantes, unha primeira de 6 a 8 anos, outra de 9 a 10 e por último de 11 a 12 anos. Os gañadores de cada unha das tres categorías verán editados os seus marcapáxinas, que se distribuirán na biblioteca durante todo o ano a aqueles que o soliciten. Ademais, os tres primeiros de cada categoría gañarán un lote de libros.
Dende o Concello de Oroso agardan superar este ano o número de participantes neste concurso, que en anteriores convocatorias chegou a contar cunha trintena de traballos presentados.