eduardo veiras

Sigüeiro reunirá a 25.000 persoas esta fin de semana na XII Festa da Troita.


O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, espera que a celebración sexa declarada este ano Festa de Interese Turístico.

A XII Festa da Troita terá lugar do 2 ao 4 de maio e inclúe as novidades dun mercado medieval, unha concentración de coches antigos e un festival coas mellores orquestras de Galicia.

presentacion festa da troita O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asegura que “Sigüeiro reunirá entre o 2 e o 4 de maio a 25.000 persoas co gallo da XII Festa da Troita, esa é a nosa previsión”. Así o apuntou o primeiro edil orosán durante a presentación pública do programa de actividades da duodécima edición da Festa da Troita, “que se presenta chea de cambios e novidades”, apunta Mirás Franqueira.

Unhas novidades que, unidas á gran tradición da festa e á excelente resposta de público acadada nas últimas edición, permiten que o alcalde de Oroso teña “fundadas esperanzas, e así nolo dixeron na Dirección Xeral de Turismo, de que este anos sexa declarada Festa de Interese Turístico”.

E é que esta duodécima edición da Festa da Troita de Oroso preséntase chea de novidades. “Ésta non é unha festa gastronómica ao uso”, apunta Manuel Mirás, “xa que intentamos conxugar varios aspectos: o cultural, con música e actuacións durante todo o día; o deportivo, co concurso de pesca; e ademais incluimos a novidades do mercado da Historia”. A isto haberá que sumarlle que “este ano quixemos ter un festival coas mellores orquestras de Galicia”, explicou Mirás, que se denominará “Festival Oroso en Vivo”.

Programa de actividades

Entre as novidades deste ano destacan unha exposición de coches de época e motos antigas, que terán lugar durante a fin de semá nunha carpa situada na esplanada da piscina. Durante estas dúas xornadas, o entorno da praza Isaac Díaz Pardo acollerá un mercado medieval, no que haberá obradoiros de artesáns, actuacións na rúa e un área infantil con xogos da época.

Coma en edicións anteriores, a música será unha das grandes protagonistas da Festa da Troita. Nesta ocasión, terá lugar o festival “Oroso en vivo”, que reunirá a cinco das mellores orquestras do panorama galego na esplanada da piscina municipal de Sigüeiro. As encargadas de abrir este festival serán as prestixosas orquestras “Olimpus” e “Panorama”, que actuarán o venres 2 de maio, ás 22:00 horas. Para o sábado día 3, ás 21:30 horas, está programada a actuación das orquestras “Fania” e “Bámbola”. A orquestra “Marbella”, encargada da sesión vermouth do domingo, pechará a Festa da Troita cunha verbena o domingo ás 21:00 horas.

Ademais, na xornada dominical terá lugar tamén o tradicional festival folclórico, no que participarán os grupos Axóuxere (Ordes), Buxos Verdes (Senra) e Lembranzas do Tambre (Sigüeiro). Un festival que terá lugar ás 19:00 na praza de Alexandre Bóveda. Ademais, durante as mañás de sábado e domingo terán lugar pasarrúas e charangas coa participación de grupos de gaitas e charangas como NBA, Apeles, Os Viqueiras e Ruada.

Degustación de 5.000 quilos de troita

Manuel Mirás tamén anunciou que durante a XII Festa da Troita degustaranse uns 5.000 quilos deste peixe en Sigüeiro. Uns mil quilos de troita poderanse degustar na carpa do Concello de Oroso e os outros 4.000 quilos nos establecementos hostaleiros do municipio. Mirás Franqueira apuntou que “a troita se cociña dun xeito moi especial en Sigüeiro que non ten comparación con outros sitios do mundo” e chegou a afirmar que “mesmo no se distingue se é de río ou de piscifactoría, do ben que a fan”.

Así, ás 12:00 horas do sábado 3 de maio haberá unha degustación de troita despois do acto de inauguración do mercado da historia e da exposición de coches de época e motos antigas. A degustación de troitas terá lugar ás 12:00 horas do domingo 4 de maio, xusto antes da lectura do pregón a cargo de Patricia Vázquez e Isi, do programa de humor “Air Galicia”, da TVG, previsto para as 13:30 horas.

Esa mesma mañá terá lugar o tradicional Concurso de Pesca, no que participarán corenta pescadores e ao que o Concello de Oroso destina 500 euros en premios para os tres primeiros clasificados do torneo. O concurso comezará ás 9:00 horas e os premios entregaranse ás 13:30 horas, xusto despois do pregón. O Concello de Oroso estableceu un máximo de oito capturas por participante e que soamente puntuarán aqueles exemplares de troita común que midan máis de 21 centímetros. As capturas entregaranse ao rematar o concurso nunhas bolsas numeradas antes de deixar a zona de pesca.

Concurso de pesca infantil

Paralelamente, o Concello de Oroso convocou unha nova edición do concurso de pesca infantil, que terá lugar no río Carboeiro. Trátase dun concurso dirixido a nenos e nenas de ata 14 anos, no que xa están anotados unha ducia de cativos. “Agardamos que haxa canteira porque Oroso é dende sempre un sitio de grandes troiteiros”, apuntou o concelleiro de Cultura, Eduardo Veiras.

A XII Festa da Troita tamén inclúe actuacións dirixidas aos máis pequenos da casa, que terán lugar na praza Alexandre Bóveda. Así, o sábado ás 17:30 horas, Monicreques Cachirulo represntará “Pinocho”. O domingo, á mesma hora, será o turno do festival musical infantil “Mamacabra”.