eduardo veiras

Títeres e contacontos para os máis pequenos protagonizan a Semana das Letras Galegas en Oroso.


Antes e despois de cada actividade recitaranse fragmentos da obra de Xosé María Álvarez Blázquez para fomentar a lectura entre os nenos e nenas.

O Cento Cultural Fernando Casas e Novoa acollerá unha mostra sobre a vida e obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas.

O Concello de Oroso vén de ultimar un intenso programa de actividades para a vindeira semana co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Xosé María Álvarez Blázquez. Unha programación pensada especialmente para os máis pequenos e pequenas do municipio, que poderán gozar de sete días cheos de actividades, onde os títeres e os contacontos terán un especial protagonismo.

Así mesmo, o Concello de Oroso ten programadas sesións de recitación da obra de Xosé María Álvarez Blázquez, que terán lugar media hora antes do comezo de cada actividade e ao remate das mesmas. “O obxectivo desta iniciativa é fomentar a lectura entre os nosos nenos e nenas”, explica o concelleiro de Cultura, Eduardo Veiras. Uns rapaces que recibirán un agasallo por participar nestas actividades, para o que deberán anotarse previamente na Biblioteca Municipal.

O Centro Cultural Fernando Casas e Novoa (Sigüeiro) será o centro onde terán lugar todas as actividades da semana das Letras Galegas de Oroso. A compañía Teatro Cachirulo ofrecerá unha sesión de contacontos e un obradoiro para os rapaces o luns 12 e o martes 13 de maio, a partir das 18:00 horas. Para o mércores 14 de maio, ás 18:00 horas, a Biblioteca Municipal acollerá unha nova sesión do programa de animación á lectura, coa participación da compañía Trinke Trinke e os contacontos da popular “Familia ratoncio”. Unha hora máis tarde será a rolda dos títeres de Teatro Buratini, coa obra “O pazao de papel”.

O xoves 15 de maio, ás 18:00 horas, a compañía Contos doutros Mundos ofrecerá unha sesión de contacontos e un obradoiro para os máis pequenos do municipio. E o venres 16 de maio, tamén ás 18:00 horas, será a quenda para os monicreques de Tirititempo, que representarán un conto clásico: “Os tres porquiños”.

A programación elaborada polo Concello de Oroso co gallo do Día das Letras Galegas rematará o luns 19 de maio, ás 17:45 horas, coa entrega de premios do IV Concurso de Marcapáxinas, convocado pola Biblioteca Municipal. Á súa finalización, a compañía Kalandraka ofrecerá unha nova sesión de contacontos.

Exposición

Paralelamente, durante a celebración destas actividades estará aberta na sala de exposicións do Centro Cultural Fernando Casas e Novoa unha mostra da obra e vida de Xosé María Álvarez Blázquez. Unha exposición que poderá visitarse de luns a venres (de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas) e os sábados (de 10:00 a 13:00 horas).