eduardo veiras

Uns 150 rapaces e rapazas participarán nunha serie de exhibicións co gallo da clausura das escolas deportivas Oroso-2008.


Terá lugar o venres 30 de maio, ás 18:15 horas, no pavillón de deportes de Sigüeiro.

O Concello de Oroso celebrará o vindeiro venres 30 de maio o acto de clausura das escolas deportivas municipais. Un acto que terá lugar no pavillón de deportes de Sigüeiro a partir das 18:15 horas e que incluirá unha xincana ciclista, aberta a todo o público asistente, e unha serie de exhibición a cargo do alumnado das escolas deportivas.

“Unhas escolas deportivas nas que participaron máis de 150 rapaces e rapazas do municipio”, explica o concelleiro de Deportes, Eduardo Veiras, “e para as que o Concello contratou unha empresa de servizos deportivos que ofreceu unha mellor xestión de todas as actividades”. A clausura das escolas comezará cunha xincana ciclista ás 18:15 horas, que terá unha duración dunha hora e na que poderán participar todos os veciños que se acheguen en bicicleta ata o pavillón de Sigüeiro.

A partir das 19:15, o alumnado das escolas deportivas de taekwondo, predeporte, tenis de mesa, bailes de salón, patinaxe e hóckey farán cadansúa exhibición, de aproximadamente 15 minutos, nas que amosarán os avances realizados ao longo deste curso. O acto finalizará a iso das 20:30 horas coa correspondente entrega de premios a cargo do concelleiro de Deportes de Oroso, Eduardo Veiras.