eduardo veiras

Unha vintena de rapaces e rapazas de Oroso participaron no obradoiro de residuos.


Os pequenos aprenderon a importancia da separación do lixo, da reciclaxe e realizaron divertidas manualidades.

obradoiros Unha vintena de rapaces e rapazas participaron nun obradoiro de residuos organizado polo Concello de Oroso. Unha iniciativa que pretende “ensinarlles aos nosos pequenos a importancia da reciclaxe e da separación do lixo en orixe, nas súas propias casas, e facelo dun xeito divertido e entretido”, explica Eduardo Veiras, concelleiro de Cultura.

O obradoiro comezou cunha charla impartida por dúas monitoras, estudantes de Bioloxía, que lles contaron aos pequenos os prexuízos do lixo para o medio ambiente e como se fai a separación dos distintos refugallos. Ademais, os rapaces participaron tamén en divertidas manualidades relacionadas coa reciclaxe, como a fabricación dun peto en forma de porquiño cos cartóns do papel hixiénico ou dunha pandeireta feita con chapas de refrescos e cartón.

Na segunda xornada tivo lugar unha charla sobre a reciclaxe de vidro e unha manualidade de decoración de botes de vidro con pinturas especiais. Este obradoiro, que se celebrou no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro, concluíu cunha conversa sobre os envases de plástico e a importancia de depositalos no contedor amarelo, debido ao alto poder contaminante deste tipo de residuos. Así mesmo, as monitoras responderon ás dúbidas que tiñan os pequenos.

Cada rapaz recibiu unha bolsa de tela de agasallo, que decorou ao seu gusto con rotuladores permanentes, e na que había diversos regalos proporcionados polo Concello de Oroso, a Consellería de Medio Ambiente, Sogama e Ecovidro, entre os que figuran lapis e bolígrafos, uns minicontedores para a recollida de pilas e un cómic dos populares Bolechas de Pepe Carreiro titulado “Os Bolechas queren saber como producir menos lixo”.