O Concello de Oroso organiza unha exposición cos traballos realizados por 150 veciños nos Obradoiros Culturais deste ano.
A inauguración da mostra e a entrega de diplomas aos participantes terá lugar este xoves 29 de maio, ás 20:30 horas, no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.
O Concello do Oroso está a ultimar unha grande exposición na que tomarán parte os 150 veciños e veciñas que participaron nos obradoiros culturais deste ano e que poderá visitarse do 29 de maio ao 20 de xuño no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro. Unha mostra que incluirá traballos das modalidades de debuxo e pintura, manualidades e labores (palillos, punto de cruz, bordados e vainicas), así como fotografías dos participantes nos obradoiros de ioga, taichí, pilates e informática.
Nesta exposición poderán visitarse uns 40 cadros realizados no obradoiro de pintura e debuxo por parte de veciños e veciñas de Oroso, así como unha representación de traballos de encaixe realizados polas alumnas do obradoiro de labores do mesmo xeito que un diverso e sorprendente variado de traballos realizados no taller de manualidades. Unha exposición na que, por primeira vez, haberá tamén traballos realizados nas parroquias. E é que o Concello de Oroso apostou por fomentar a participación dos veciños das distintas parroquias do municipio nestas actividades e así, coa colaboración da asociación de veciños de Vilarromariz, este ano impartiuse aló un obradoiro de manualidades.
Así mesmo, na sala de exposicións do Centro Cultural Fernando Casas e Novoa haberá unha selección de fotografías dos outros obradoiros realizados en Sigüeiro como os de ioga, taichí e pilates. Ademais, incluiranse tamén imaxes dos obradoiros de ioga realizados nas parroquias, nos que participaron as asociacións de veciños de Penateixa e Deixebre.
Esta exposición será inaugurada o vindeiro xoves, 29 de maio, despois do acto de entrega dos diplomas aos 150 veciños e veciñas que participaron nos obradoiros deste ano. Un acto que terá lugar no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa a partir das 20:30 horas.