eduardo veiras

Sete rapaces de Oroso viaxarán á Expo Zaragoza 2008 da man da Deputación Provincial.


O Concello de Oroso abriu hoxe o prazo de inscrición nesta viaxe, que terá lugar do 15 ao 19 de xullo.

Expo 2008 Sete rapaces e rapazas de Oroso, de entre 10 e 14 anos de idade, poderán participar nunha viaxe á Exposición Mundial de Zaragoza, que terá lugar do 15 ao 19 de xullo. Unha viaxe organizada pola Deputación da Coruña dentro do seu programa “Vivir o mundo: vivir Europa”, co que colabora o Concello de Oroso, para achegar aos pequenos a un acontecemento de carácter internacional que tratará a temática da auga e do desenvolvemento sostible.

Os rapaces e rapazas de Oroso que estean interesados en participar teñen ata o 20 de xuño de prazo para inscribírense no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro. Ese mesmo día realizarase un sorteo público entre os aspirantes para adxudicar as prazas, sempre que o número de solicitantes sexa superior a sete.

Cunha cota de inscrición de 85 euros, que inclúe desprazamentos e aloxamento en réxime de pensión completa, os pequenos gozarán dunha viaxe de cinco días e catro noites nas que terán a oportunidade de coñecer os contidos desta exposición internacional e coñecer outros puntos de interese dunha cidade coma Zaragoza. Os rapaces, guiados por monitores especializados e guías locais, coñecerán a Expo Zaragoza 2008, a basílica do Pilar, a Seo de San Salvador, o pazo da Aljafería e o teatro romano, entre outros puntos de interese.


PRAZO DE INSCRICIÓN NO CONCELLO:

Ata ó 20 de xuño, este mesmo día realizaráse un sorteo público ás 13:00h. no Centro Cultural para a adxudicación de prazas, en caso de que o número de solicitantes supere o número de prazas.
A documentación dos seleccionados deberá presentarse nas oficinas do Centro Cultural antes das 13:00h. do día 30 de xuño.
Máis información no Centro Cultural de 09:00 a 14:00h, no teléfono 981690903, ou na web da Deputación Provincial da Coruña http://www.dicoruna.es/cultura/vivirOMundo