eduardo veiras

O Concello de Oroso convoca aos artistas galegos a participar nos certames internacionais Goisarte e Orosoarte 2008.


Cada artista poderá presentar un máximo de dúas obras baseadas no tema “A arte e a matemática”.

O Concello de Oroso seleccionará vinte obras que participarán no certame luso do 11 ao 13 de xullo e nunha exposición itinerante por varias cidades de Portugal.

O Concello de Oroso vén de abrir a convocatoria para seleccionar un total de vinte obras que participarán na prestixiosa mostra internacional GoisArte 2008, que se celebrará na localidade lusa de Góis do 11 ao 13 de xullo. Unhas obras que deberán xirar en torno ao tema “A arte e a matemática” e que poderán presentarse na Casa do Concello de Oroso antes do 20 de xuño.

Esta iniciativa xurde do irmanamento entre os concellos de Oroso e Góis, celebrado en setembro de 2007. Unha iniciativa que permitirá que unha vintena de artistas galegos poidan expoñer dentro desta prestixiosa mostra internacional lusa, que este ano chega á súa duodécima edición. Cada autor poderá presentar un máximo de dúas obras en calquera modalidade artística (escultura, fotografía, pintura...) das que se fará unha selección de vinte traballos (entre os que figurará un máximo dunha obra por autor).

Os vinte autores seleccionados participarán en GoisArte 2008 e, posteriormente, nunha exposición itinerante por outras cidades portuguesas. “Unha nova iniciativa xurdida grazas as boas relacións entre dous concellos irmáns coma son Oroso e Góis, nas que estamos a potenciar moito os intercambios culturais”, apunta o concelleiro de Cultura, Eduardo Veiras. De feito, coa participación neste certame, o Concello de Oroso consegue un dobre obxectivo: fomentar a arte entre os nosos creadores e promocionar a Oroso no exterior. “Algo que nos gustaría extender tamén a outros concellos galegos, que poderían aproveitar esa estreita relación que temos cos nosos irmáns de Góis”, apunta Veiras.

Co tema elixido, “A arte e a matemática”, GóisArte 2008 pretende ofrecer unha visión da íntima relación entre ambas disciplinas, subxacente ao desenvolvemento dunha maior capacidade de interpretación e reflexión nos artistas, amosando así a presenza das ciencias matemáticas na arte.

OrosoArte 2008

Ao igual que o acontecido o pasado ano, a principios de outubro terá lugar unha nova edición da mostra internacional de arte OrosoArte 2008, que este ano chega á súa terceira edición. Unha exposición que incluirá as vinte obras seleccionadas para participar en GoisArte 2008 e unha selección dos traballos máis significativos presentados ao certame luso. Na edición de 2007 participaron máis de cincuenta artistas con obras de pintura, fotografía e escultura procedentes de Portugal, Estados Unidos, Xapón, Francia, Italia, Polonia, Hungría e España.

Así mesmo, o Concello de Oroso ten previsto este ano realizar unha nova exposición, que recollerá todas as obras presentadas para participar en GóisArte e OrosoArte 2008. Unha mostra que terá lugar a finais de outubre ou a principios de novembro “para que xa esté iniciado o curso escolar e poidamos facer visitas guiadas dos centros educativos a esta exposición para promover a cultura entre os nosos pequenos”, explica Eduardo Veiras.