Sigüeiro acolle unha mostra dos traballos realizados por 175 veciños nos obradoiros culturais.
Manuel Mirás inaugura unha exposición “que demostra que somos un concello activo, con xente con gañas de facer cousas”.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Cultura, Eduardo Veiras, inauguraron a exposición coas obras dos 175 veciños e veciñas que participaron nos obradoiros culturais do Concello de Oroso. Unha mostra que poderá visitarse ata o 20 de xuño no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.
Antes de facer entrega dos diplomas de asistencia aos distintos obradoiros deste ano, Manuel Mirás salientou a alta participación acadada nesta edición, cun total de 175 veciños e veciñas. “Isto demostra que somos un concello activo, con xente que ten gañas de facer cousas”, apuntou Mirás Franqueira, quen animou aos presentes a que “o ano que vén participedes os 175 e, se pode ser, outros tantos máis”.
Manuel Mirás pedíulles aos veciños e veciñas presentes na inauguración da mostra que “sexades a nosa voz e que lles digades aos vosos amigos e amigas que participen nos obradoiros, xa que sirven para relacionarse entre os veciños e aprender unha actividade artística”. Un desexo ao que tamén se uníu o concelleiro de Cultura, Eduardo Veiras, quen destacou tamén a calidade das obras expostas no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa. “Dá gusto ver estes traballos”, puntualizou Veiras, quen destacou tamén a colaboración prestada polas asociacións de veciños de Penateixa, Deixebre e Villaromariz.
Contido da mostra
A exposición dos obradoiros culturais de Oroso recolle traballos das modalidades de debuxo e pintura, manualidades e labores (bolillos, punto de cruz, bordados e vainicas), así como fotografías dos participantes nos obradoiros de ioga, taichí, pilates e informática.
Nesta exposición hai uns 40 cadros realizados no obradoiro de pintura e debuxo por parte de veciños e veciñas de Oroso, co correspondente nome do autor/a. Ademais, tamén hai unha mesa con panos, manteis e mesmo un chal de encaixe realizados polas alumnas do obradoiro de labores. Así mesmo, tamén se recolle un variado surtido de traballos realizados no taller de manualidades, que inclúe dende tellas decoradas como se fosen casas, ata tinaxas de leite, marcos de fotos, xarróns, pratos convertidos en reloxos ou botellas de vidro decoradas.
Unha exposición na que, por primeira vez, hai tamén traballos realizados nas parroquias en colaboración coas asociacións de veciños de Villarromariz (manualidades) e Penateixa e Deixebre (ioga). Trátase dunha aposta do Concello de Oroso apostou por fomentar a participación dos veciños das distintas parroquias do municipio nestas actividades culturais, que ata o de agora se centralizaban únicamente en Sigüeiro.