eduardo veiras

O Concello de Oroso clausura o seu programa de animación á lectura con dúas sesións especiais de títeres.


Monicrekes de Kukas e Títeres Viravoltas ofrecerán dúas actuacións os mércores 4 e 11 de xuño.

O Concello de Oroso organiza dúas sesións especiais de títeres para os mércores 4 e 11 xuño co gallo da clausura do seu programa de animación á lectura, que vén desenvolvendo todos os mércores dende o pasado mes de outubro na Biblioteca Municipal de Sigüeiro. Dúas compañías da sona de Monicrekes de Kukas e Títeres Viravolta serán as encargadas de pechar por este ano este programa, que rexistrou unha media de máis de cincuenta rapaces por sesión.

A primeira destas dúas actuacións especiais terá lugar mañá mércores, 4 de xuño, ás 18:00 horas, no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro. A compañía de títeres máis antiga de Galicia, Monicrekes de Kukas, representará a obra “Un agasallo para Xaquín”, que conta a historia dun neno consumista, adicto aos videoxogos e que só se alimenta de larpeiradas que, no día do seu cabodano, vivirá unha serie de aloucadas situacións que o farán reflexionar sobre a súa actitude e cambiar os seus hábitos de consumo. Trátase dunha iniciativa coa que o Concello de Oroso, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, pretenden concienciar aos máis pequenos sobre unha correcta alimentación e sobre os perigos do abuso da comida lixo.

Sete días máis tarde, a compañía Títeres Viravolta será a encargada de pechar o Programa de Animación á Lectura do Concello de Oroso por este curso. Esta compañía galega, creada no ano 1982, representará “Barriga Verde”, un espectáculo tradicional de títeres de “cachiporra” que homenaxea ás compañías de titiriteiros que actuaban en Galicia entre os anos 1910 e 1964 e, concretamente, á personaxe de “Barriga Verde” que utilizaba a familia Silvent e que ten a súa orixe no “don Roberto” portugués. Unha representación na que se recrearán diversas historias da tradición europea con alusións ao exército, ás corridas de touros e á xustiza, entre outras. A cita é o mércores 11 de xuño, ás 18:00 horas, no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.

Un curso cheo de novidades

Con estas dúas grandes actuacións, o Concello de Oroso clausurará o seu Programa de Animación á Lectura, unha iniciativa que está a fomentar o hábito da lectura entre rapaces e rapazas de 3 a 11 anos. Un programa totalmente gratuíto que durante este último ano rexistrou unha media de máis de cincuenta nenos e nenas por sesión.

Neste curso, o Programa de Animación á Lectura presentou numerosas novidades. En primeiro lugar, o Concello de Oroso ampliou o número de actividades, de xeito que a Biblioteca Municipal acolleu actividades todos os mércores do mes, fronte ás dúas actuacións mensuais do ano pasado. Así mesmo, este ano o Programa de Animación á Lectura contou coa participación de dúas novas compañías, “Argallando” e “Contos doutros mundos”, que se uniron á popular “Familia Ratoncio”. Finalmente, outra das novidades deste ano foi a organización duns obradoiros de manualidades, que se sumaron ás tradicionais sesións de contacontos.